Os fogares galegos con estudantes maiores de 16 anos son os que máis contratan servizos de banda larga

Martes 22 de Outubro de 2013

Os fogares galegos con estudantes maiores de 16 anos son os que máis contratan servizos de banda larga

Oito de cada dez vivendas con rapaces neste tramo de idade dispón de banda larga, fronte ao 49,3% dos fogares sen estudantes

Tres de cada catro catro fogares con nenos de 3 a 16 anos dispoñen de conexión a Internet, fronte á metade dos fogares sen nenos

As persoas que viven en fogares con nenos consideran a tecnoloxía de máis utilidade que as que non conviven con rapaces

A porcentaxe de persoas novas que mercan a través de Internet nos últimos tres meses duplica á porcentaxe de maiores de 35 anos que compran na Rede

A convivencia tanto con nenos en idade escolar obrigatoria como con estudantes maiores de 16 determina un penetración de servizos TIC significativamente superior á media. É a principal conclusión do estudo temático “Os mozos e as TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O informe constata grandes diferenzas respecto á contratación do servizo de Internet en función da convivencia con nenos. Tres de cada catro catro vivendas con nenos de 3 a 16 anos dispoñen de conexión a Internet, fronte á metade dos fogares onde non hai presenza de nenos. Esta porcentaxe aumenta cando no fogar hai estudantes maiores de 16 anos. Neste caso 8 de cada dez fogares con rapaces neste tramo de idade dispón de banda larga, fronte ao 49,3% dos fogares sen estudantes.

En canto ao equipamento, o informe indica que dispoñen de ordenador o 86,2% dos fogares con nenos de entre 3 e 16 anos, fronte ao 61,6% dos fogares onde non hai nenos nesas idades. A dispoñibilidade de ordenador é tamén máis común en fogares con estudantes maiores de 16 anos, cunha penetración do 95,3%.

A convivencia con estudantes: elemento tractor no uso de Internet
En relación ao uso de Internet nos últimos tres meses, a convivencia con estudantes maiores de 16 anos é determinante, de xeito que o seu uso acada o 97,1% cando existe convivencia con estes estudantes, e redúcese ata o 54,6% nos casos nos que non existe tal convivencia.

Existe unha relación positiva entre a presenza de nenos no fogar e a actitude positiva cara ás novas tecnoloxías. As persoas en fogares con nenos séntense máis identificados coa tecnoloxía e considérana de máis utilidade. Constátase que a falta de necesidade ou utilidade son argumentos menos frecuentes para non contratar Internet cando residen menores no fogar. Tamén a falta de coñecementos é moi inferior, como argumentación, para non ter Internet cando se da este tipo de convivencia cos máis novos.

Os mozos, os que máis usan a rede
A relación da poboación nova galega co uso das TIC é estreita e habitual. Practicamente 9 de cada 10 de mozos entre 16 e 34 anos utilizou o ordenador nos últimos 3 meses, case 30 puntos por riba da media xeral.

A fenda dixital por idade é patente no que se refire á compra electrónica. A porcentaxe de persoas novas que adquiriu algún ben ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses (32,4%) duplica á porcentaxe de maiores de 35 anos que merca na Rede (15,9%).

Os nativos dixitais e as redes sociais
O estudo do OSIMGA estuda tamén os hábitos dos chamados “nativos dixitais”, en recompilando información a través de fontes complementarias O 87,3% dos adolescentes galegos conéctanse cunha frecuencia semanal e 6 de cada 10 fano diariamente. O tempo dedicado a Internet amosa o protagonismo da Rede na vida das e dos adolescentes galegos. O 28,1% navega pola Rede máis de dúas horas diarias e un 45,8% entre 1 e 2 horas ao día.

Non obstante, estamos ante unha diferenza xeracional considerable. Un de cada catro pais non utilizaron nunca ou practicamente nunca Internet, dato que contrasta claramente coa porcentaxe rexistrada entre os propios adolescentes.

As redes sociais convertéronse en pouco tempo nunha das aplicacións máis utilizadas. O seu uso, asociado a unha maior familiaridade co entorno dixital e coas aplicacións de Internet, é especialmente popular entre a poboación adolescente. Un 85% dos adolescentes galegos fai uso das Redes Sociais. Máis de 6 de 10 realiza descargas e procura información vencellada aos estudos. O 85% dos adolescentes galegos/as está rexistrado en, polo menos, unha rede social, case o 40% en dúas e ate un 15,9% en tres ou máis.

O estudo do OSIMGA avalía incidencia da presenza de nenos e mozos no fogar en elección ao equipamento e uso das tecnoloxías da información, a partir de datos propios do OSIMGA, obtidos no marco do convenio asinado co IGE. Ademais, o Observatorio cuantifica o uso de Internet dos “nativos dixitais” e, en particular, das redes sociais, a partir do estudo e “Adolescentes e Internet en Galicia”, elaborado por Valedor do Pobo Galicia 2011.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org