Os expertos avogan pola unión do sector cara a valorización dos subprodutos pesqueiros e a súa aplicación industrial

Venres 10 de Decembro de 2010

Os expertos avogan pola unión do sector cara a valorización dos subprodutos pesqueiros e a súa aplicación industrial

O evento, organizado no marco do proxecto IBEROMARE, serviu para por de manifesto as oportunidades de aproveitar recursos e residuos mariños ata agora refugados, así como as dificultades do proceso ata a súa comercialización unha vez valorizados

A valorización dos subprodutos pesqueiros e as súas aplicacións industriais abordáronse hoxe nun seminario organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo no marco do proxecto IBEROMARE, iniciativa na que a Fundación galega traballa xunto a entidades de España e Portugal cara a xerar propostas para valorizar recursos mariños non aproveitados ata agora. Nesta liña discorreron os relatorios de hoxe, nos que os expertos defenderon a unión do sector pesqueiro cara a conseguir eses obxectivos.

Sobre a realidade da valorización en Galicia falou nun dos primeiros relatorios Julio Maroto, coordinador da área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros do CETMAR, quen achacou a inexistencia de industrias dedicadas a este tipo de transformación a factores como o desfase tecnolóxico en relación a outros países ou a falla de tradición neste senso. Citou tamén como inconvenientes á dispersión e a atomización na xeración de subprodutos, cos conseguintes problemas loxísticos, ou a heteroxeneidade na caracterización dos subprodutos, así como o feito de que a maioría destes xéranse a bordo, co conseguinte incremento nos costos do proceso.

Cara ao futuro, Maroto non descartou que a Política Pesqueira Común estableza medidas para o tratamento dos subprodutos igual que o fai xa cara aos descartes, polo que resaltou a necesidade de que xurdan iniciativas ou proxectos de valorización, de que se formulen estudos económicos sobre costos do proceso e o seu impacto na flota, e de que se cree un tecido industrial especializado para acoller a mercancía que chega do mar.

Na segunda parte do seu relatorio, o representante do CETMAR presentou os resultados dun estudo feito polo Centro cara a cuantificar a tonelaxe de peles de peixe xeradas en Galicia nos ámbitos da pesca extractiva –arrastreiros de altura e grande altura e palangreiros de superficie-, da industria transformadora de conxelados e nas lonxas. Os cálculos finais falan dunhas 6.300 toneladas de peles procedentes dunhas catorce especies diferentes, aínda que só oito delas xeran de por si o 95% do total. Outro dato a ter en conta é que o 60% do subproduto xérase en terra e o 40% restante a bordo.

Do proceso para valorizar eses subprodutos e das dificultades de cada unha das súas etapas dende a caracterización da materia prima ata a comercialización do produto final falou a continuación Abel Cabezas, representante do departamento técnico da empresa Seanergy, dedicada á fabricación de xelatinas e coláxenos a partires de peles de peixe. Cabezas asegurou que a oportunidade de valorizar os subprodutos pesqueiros é real e avogou pola unión das empresas do sector de cara a afrontar este proceso con maiores garantías, sempre, insistiu, tendo ás universidades e aos centros tecnolóxicos como “compañeiros de viaxe”.

A xornada, á que asistiu medio cento de representantes de empresas do sector marítimo-pesqueiro, de centros de investigación e técnicos doutros ámbitos, como o da sanidade, incluíu outros dous relatorios. Sobre a realidade do negocio en torno ao coláxeno de orixe mariño falou Miguel Juncá, responsable da compañía catalana Juncá Gelatines S.L., con participación na referida Seanergy. Juncá resaltou a existencia dun mercado emerxente neste ámbito con grande aceptación en países asiáticos e asegurou que as cifras que se moven en Galicia no que a peles de peixe se refire son suficientes para conseguir o seu aproveitamento, polo que augurou a súa entrada nos canles comerciais no futuro.

Sobre o incremento do rendemento do aproveitamento dos recursos pesqueiros disertou pola tarde Albert Monferrer, director técnico de BDN Ingeniería de Alimentación S.L. Pola súa banda, Tiago Henriques e Nuno Neves, membros do grupo de investigación luso 3B´s que participa no proxecto IBEROMARE, falaron ao público asistente do seu traballo e dos fins do devandito proxecto, que ten como obxectivo fundamental a creación dunha plataforma de colaboración para traballar sobre os recursos mariños aínda non aproveitados e presentar propostas para a súa valorización.