Os centros da rede CeMIT da Xunta ofrecerán formación sobre o uso do DNI electrónico a cidadáns e empresas

Venres 12 de Marzo de 2010

Os centros da rede CeMIT da Xunta ofrecerán formación sobre o uso do DNI electrónico a cidadáns e empresas

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Secretaría de Estado de Telecomunicaciones y para la Sociedad colaboran na posta en marcha dun plan para fomentar a utilización do DNI electrónico en Galicia. Co novo documento nacional de identidade pódense realizar múltiples xestións a través de Internet coa Administración pública, empresas e particulares de forma segura, cómoda e áxil.

Entre o 15 e o 25 de marzo realizaranse sesións de dinamización e demostración nas que se distribuirán de balde lectores de DNI e folletos informativos.

A Xunta de Galicia, a través da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT), colabora coa Secretaría de Estado de Telecomunicaciones y para la Sociedad de la Información na posta en marcha dun plan para o fomento do uso do DNI electrónico entre a cidadanía e os colectivos empresariais de Galicia. Con este obxectivo, desenvolveranse diversas actuacións para difundir as utilidades e vantaxes do DNI electrónico entre os diferentes colectivos.

O plan contempla a realización de sesións de dinamización e demostración nas se distribuirán gratuitamente lectores de DNI electrónico e folletos informativos, e que terán lugar entre o 15 e o 25 de marzo en 14 centros da rede CeMIT das catro provincias galegas.

Así mesmo, realizaranse xornadas de capacitación para os dinamizadores do resto da Rede CeMIT para que poidan impartir obradoiros sobre o uso do DNI electrónico nos diferentes concellos onde están a desenvolver o seu labor.

A cidadanía e colectivos empresariais de Galicia interesados en participar no desenvolvemento destas actividades poden informarse e inscribirse gratuitamente a través do portal de información www.usatudni.es.

Sobre o DNI electrónico
O DNI electrónico, similar ao tradicional, ten como principal novidade a incorporación dun pequeno circuito integrado (chip), capaz de gardar información de forma segura e procesala internamente. Ademais, permite (xunto co uso habitual do documento tradicional) acreditar electronicamente e de forma inequívoca a identidade da persoa para operar no mundo dixital de forma segura coa mesma certeza que no mundo físico.

A grande maioría de Administracións Públicas e empresas dispoñen de servizos que permiten utilizar o DNI electrónico a través de Internet. Unha das novidades do DNI electrónico é a posibilidade de realizar trámites telemáticos coas administracións públicas e empresas, evitando desprazamentos, tempos de espera, etc. Entre os servizos máis utilizados figuran: solicitar o historial laboral, realizar a declaración da renda, solicitar axudas ao desemprego, consultar datos personais en rexistros públicos, solicitar e enviar formularios, pagar de taxas, acceder á banca online, etc. (Máis información sobre servizos dispoñibles en www.dnielectronico.eswww.060.es).

Do mesmo xeito, no ámbito empresarial, o DNI electrónico convértese nunha ferramenta de traballo sumamente útil nos procesos de negocio e, en particular para as PEMES, xa que facilita a modernización das mesmas e mellora a súa competitividade. Así mesmo, convértese nun factor de dinamización empresarial do sector das Tecnoloxías da Información, potenciando o desenvolvemento de servizos e produtos vencellados ao proceso de utilización do DNI electrónico.

Rede CeMIT
O pasado xoves 25 de febreiro o Consello da Xunta de Galicia aprobou a creación da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica, (Rede CeMIT) como elemento que coordinará as actuacións das distintas aulas públicas de acceso a internet dependentes da Comunidade para favorecer a alfabetización dixital e o desenvolvemento da sociedade da información.

Tanto os 60 centros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información (RDSI) como os 56 telecentros da Rede de Telecentros de Comunicación (RTC), actualmente existentes, se puxeron en marcha co obxectivo de achegar as novas tecnoloxías á poboación, facilitar a inclusión dos colectivos menos favorecidos e impulsar o uso das TIC nas pemes e micropemes. Ademais, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Traballo e Benestar ofrece aos profesionais do sector privado, ocupados ou en busca de emprego, formación técnica de alto nivel relacionada co mundo das novas tecnoloxías.

Neste contexto e ante a inexistencia dun elemento que vertebre as iniciativas existentes e integre os axentes implicados cunha estratexia clara e definida, facíase necesario un modelo único que coordinase as distintas actuacións levadas a cabo polos centros da RDSI e da RTC en materia de alfabetización dixital e desenvolvemento da sociedade da información, e permitise o aproveitamento do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia como referente na formación das novas tecnoloxías de alto nivel baixo as premisas de eficiencia e calidade.

Cómpre definir e desenvolver a Rede CeMIT cunha imaxe de marca propia, en que participen todas as administracións afectadas e que sirva como elemento xerador de crecemento e desenvolvemento económico no marco das directrices da Estratexia Galega da Sociedade da Información. Tamén se concibe como un instrumento que permita vertebrar territorial e socialmente Galicia a través da creación de condicións de acceso igualitario ás novas tecnoloxías.

A Rede Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a sociedade da información en Galicia e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e e-Administración.