O vindeiro luns a Xunta presenta en Santiago o primeiro catálogo de solucións para facilitar a extensión de fibra nos cascos históricos

Sábado 20 de Xullo de 2019

O vindeiro luns a Xunta presenta en Santiago o primeiro catálogo de solucións para facilitar a extensión de fibra nos cascos históricos

• O conselleiro de Cultura, o alcalde de Santiago e a directora da Amtega inauguran unha xornada na que se abordarán as dificultades para despregar as redes ultrarrápidas nestas zonas
• Participarán representantes da Administración autonómica, do Concello compostelán, do COAG, da organización internacional ICOMOS e dos operadores
• O documento, elaborado pola Amtega, Retegal e a Dirección Xeral de Patrimonio ofrece alternativas como o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregamento da fibra óptica a través das redes de saneamento

O vindeiro luns 22 de xullo a partir das 10.30 o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela acollerá a Xornada “A conectividade nos cascos históricos”, na que se presentará o primeiro catálogo de solucións para facilitar a extensión de fibra nestas zonas.

O encontro será inaugurado polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira. 

Primeiro catálogo a nivel europeo
O documento, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o operador público Retegal e a Dirección Xeral de Patrimonio é o punto de partida para darlle resposta á falta dun procedemento estandarizado para o despregamento de fibra óptica en cascos históricos. É unha problemática que existe en toda a Unión Europa e é cada vez máis limitante para a dinamización tanto comercial como de habitabilidade destas zonas

Para a elaboración desta Guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar, integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica, elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos. Entres as solucións que ofrece a guía están o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregamento da fibra óptica a través das redes de saneamento.

A visión dos axentes implicados
Ademais da presentación do catálogo, na xornada afondarase na dificultades e posibles solucións para o despregamento das infraestruturas de telecomunicación nos cascos históricos contando coa visión de todos os axentes implicados. 

Baixo o título “O estado actual dos servizos de telecomunicacións” nos   cascos históricos”,  desenvolveranse dúas mesas de debate, a primeira ofrecerá a “Visión de Patrimonio e posibles solucións coa intervención de representantes da organización non gobernamental, asociada a Unesco, ICOMOS, do Consorcio de Santiago, do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio
A segunda mesa centrarse na “Visión dos operadores e do estado actual” coa participación do director-xerente do operador público Retegal e representantes de Movistar, Vodafone, Orange e R. Finalmente, pecharse o encontro expoñendo as principais conclusións da Xornada.
A xornada está dirixida aos profesionais, tanto do ámbito dos despregamentos, como operadores, fabricantes de equipos, instaladores, como a empresarios e profesionais das concellos das áreas de Urbanismo e Patrimonio. Os interesados en participar deben inscribirse a través da conta de correo electrónico cascoshistoricos@retegal.gal.