O secretario xeral da Presidencia salienta que os Orzamentos de 2011 son “realistas e coherentes” na busca de máis austeridade, menor gasto corrente e maior eficiencia

Luns 25 de Outubro de 2010

O secretario xeral da Presidencia salienta que os Orzamentos de 2011 son “realistas e coherentes” na busca de máis austeridade, menor gasto corrente e maior eficiencia

Valeriano Martínez asegura que os Orzamentos da Presidencia da Xunta se enmarcan no “esforzo global” que debe facer a Administración galega ante un escenario financeiro “adverso”

Precisa que este departamento disporá dun orzamento total, incluídos todos os capítulos de gastos, de 225.730.631 euros, fronte aos 254.398.254 euros aprobados para 2010, un 11,27 por cento menos

Apunta que os órganos dependentes da Presidencia da Xunta representan o 2,3% do total do orzamento consolidado da Administración galega

Como novidade, sinala que a Secretaría Xeral da Igualdade xestionará “un único orzamento”, coa supresión do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, o que suporá maior eficacia e eficiencia na xestión

Destinarase un 18,70 por cento máis á innovación e modernización tecnolóxica de Galicia

O secretario xeral da Presidencia da Xunta de Galicia, Valeriano Martínez García, salientou hoxe que os Orzamentos de Galicia para o ano 2011 son “realistas e coherentes” co contexto económico actual, posto que buscan máis austeridade, menos gasto corrente e maior eficiencia, mantendo as liñas de acción pública cara á cidadanía e cara aos sectores estratéxicos da nosa comunidade.

Así o manifestou hoxe durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria para explicar os Orzamentos da Presidencia da Xunta de Galicia para 2011. Valeriano Martínez precisou que este departamento disporá dun orzamento total, incluídos todos os capítulos de gastos, de 225.730.631 euros, fronte aos 254.398.254 euros aprobados para 2010, un 11,27 por cento menos.

Segundo subliñou, esta redución enmárcase no “esforzo global” que debe facer a Xunta de Galicia ante unha situación condicionada por un escenario financeiro “adverso” e a obriga de cumprir os pactos de estabilidade económica. O secretario xeral apuntou que os órganos dependentes da Presidencia da Xunta representan o 2,3% do total do orzamento consolidado da Administración galega.

Concretamente a Secretaría Xeral da Presidencia, para o vindeiro ano disporá dun crédito de 4.018.885 euros, cunha baixada do 10,16 por cento respecto do pasado ano. Pola súa banda, a Asesoría Xurídica Xeral xestionará un orzamento de 2.388.018 euros, cunha minorización respecto do ano 2010 de 314.080 euros, o 11,62 por cento menos.

Por secretarías, a Secretaría Xeral de Medios, no conxunto dos tres programas orzamentarios que xestiona, disporá dun crédito total de 115.279.172 euros, inferior nun 12,27 por cento ao consignado no orzamento do 2010.

Maior eficacia e eficiencia na xestión
En materia de igualdade, Valeriano Martínez detallou que, coa supresión do Organismo Autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, cuxas funcións asumiu a Secretaría Xeral da Igualdade, traballarase “cun único orzamento”, o que suporá “maior eficacia e eficiencia na xestión”. A contía será de 13.003.620 euros para atender a dúas grandes áreas de actuación: a eliminación da violencia de xénero, á que se destina o 47,85 por cento; e a promoción da igualdade, co 52,15 por cento.

No relativo á Secretaría Xeral da Emigración, concretou que contará cun orzamento de 12.705.588 euros para dúas liñas básicas de actuación: a asistencia sociosanitaria aos galegos e galegas residentes no exterior, e a atención á poboación inmigrante e retornada.

A Secretaría Xeral para o Deporte, corresponderanlle 22.755.181 euros, cos que priorizará o fomento do deporte poñendo en valor as instalacións das que xa se dispón. E, por último, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica xestionará no ano 2011 un orzamento de 55.580.167 euros, e rexistrarse un incremento do 18,70 por cento en relación ao 2010 para impulsar a modernización tecnolóxica de Galicia.