Mar Pereira destaca o papel das TIC nas empresas galegas como elemento diferenciador e de mellora da competitividade

Luns 15 de Xuño de 2009

Mar Pereira destaca o papel das TIC nas empresas galegas como elemento diferenciador e de mellora da competitividade

A secretaria xeral de Modernización presentou o proxecto ‘DifundeTic’ para a promoción do uso das novas tecnoloxías nas pemes de Galicia. Sitúa o desenvolvemento da Sociedade da Información e, en consecuencia, a redución da ‘fenda dixital’ como un “obxectivo estratéxico” da Lexislatura e un dos eixes de actuación prioritarios do Goberno galego.

Explica que as micropemes galegas, as de menos de 10 empregados, presentan un nivel baixo de equipamento tecnolóxico e de presenza na Rede, nove puntos menos ca media estatal.

Destaca a importancia do proxecto ‘DifundeTic’ posto en marcha coas empresas TIC de Galicia, un sector que debe converterse nun axente clave do desenvolvemento económico e social da Comunidade.

Este proxecto desenvolverase nos polígonos industriais e parques empresariais galegos a través dunha unidade móbil equipada con 12 ordenadores, un cañón proxector e pantalla para demostracións.

A dinamización no emprego das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) por parte das empresas galegas constitúe un elemento diferenciador e de mellora da súa competitividade. Así o subliñou a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira Alvarez, durante a presentación do proxecto DifundeTic hoxe en San Caetano, xunto ao director da Asociación galega de Empresas de Tecnoloxías da Información e Comunicación (AGESTIC), José María López Bourio.

Mar Pereira salientou que a diminución da fenda dixital é un obxectivo estratéxico na presente Lexislatura e asegurou que se trata dun dos eixes prioritarios de actuación do Goberno galego.

A secretaria xeral de Modernización explicou que no caso de Galicia o grao de desenvolvemento da Sociedade da Información está marcado pola profunda fenda existente entre as pemes e as micropemes. Neste sentido, afirmou que as empresas galegas de dez ou máis empregados están nun nivel similar ás do resto das comunidades autónomas en canto a equipamento (o 97,7% dispoñen de ordenadores) e de conexión a Internet (o 92,9%),.

Sen embargo -engadiu- as empresas de menos de 10 empregados presentan niveis baixos de equipamento tecnolóxico e de presenza na Rede. Así, mentres un 57% deste tipo de empresas posúe ordenador, só un 46,7% dispoñen de conexión a Internet, o que supón un 9,2 menos que a media estatal; a penetración da banda larga é inferior en catorce puntos á media de España (34,3% fronte a 48,9%); e tan só un 8,3% das micropemes dispoñen de páxina web, m,entres que no caso das empresas de 10 ou máis empregados a porcentaxe se sitúa no 51,4% .

Proxecto ‘DifundeTic’ 
A secretaria xeral de Modernización salientou que o proxecto DifundeTic se enmarca dentro das actuacións apoiadas pola Xunta orientadas a impulsar a penetración das TIC nas pemes e, en especial, nas micropemes e os autónomos. Así, Mar Pereira subliñou que o sector TIC galego debe converterse nun dos sectores produtivos claves no desenvolvemento económico e social da Comunidade, pola súa condición de acelerador do cambio tecnolóxico e polo seu carácter transversal.

A secretaria xeral destacou, así mesmo, o número de empresas do sector TIC en Galicia que acada xa as 1.575 sociedades e que experimentou un crecemento do 21,8% entre 2005 e 2008.

O proxecto DifundeTic desenvolverase en diferentes polígonos industriais e parques empresariais de Galicia co obxectivo de sensibilizar aos empresarios ubicados nos mesmos das vantaxes que a utilización das TIC poden supoñer para as súas pemes.

Esta campaña de difusión realizarase entre os empresarios, os autónomos e o persoal das pequenas e medianas empresas a través dunha unidade móbil equipada con 12 ordenadores, cañón proxector e pantalla para demostracións desde a que se repartirán manuais- guías.

As actuacións de difusión incluídas neste proxecto exporán que é a Administración electrónica, a banca electrónica e a factura electrónica, e para qué serven, ademais de cómo implantar ferramentas de software libre para a xestión empresarial.