Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O proxecto Bibliosaúde do Sergas recibe o Premio Nacional á Calidade e Innovación

Pilar Farjas destaca que, no momento actual, é máis necesario que nunca sacar o máximo rendemento aos recursos dispoñibles, e este é “un claro exemplo do que podemos facer nesta dirección”

Subliña que a prestación de servizos sanitarios de calidade require profesionais formados e competentes, que teñan á súa disposición instrumentos de apoio no seu quefacer diario

O número de usuarios rexistrados nesta iniciativa creceu dende os 1.927 de hai tres anos aos máis de 10.000 actuais; e en 2011 realizáronse xa máis de 200.000 visitas e case 2 millóns de accesos

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, recolleu hoxe na sede da Biblioteca Nacional o VI Premio Nacional á calidade e innovación outorgado pola Asociación Española de Documentación e Información (SEDIC) ao proxecto Bibliosaúde da Xunta de Galicia como “mellor contribución” en iniciativas de centros de documentación e bibliotecas de ciencias da saúde.

O xurado apreciou especialmente a solidez de Bibliosaúde, da que destacan que conta con “elementos innovadores e orixinais”, e resaltan que contribuíu de xeito significativo “ao desenvolvemento dun entorno participativo e integrador onde, da man das novas tecnoloxías, se brindan servizos de alto valor engadido”. Así mesmo, subliñan a grande aceptación obtida polo proxecto entre o seu público destinatario.

A conselleira de Sanidade –que estivo acompañada polo responsable de Bibliosaúde, Carlos González Guitián- definiu á biblioteca virtual do Sergas como “unha ferramenta necesaria, que contribúe á actualización dos profesionais e á mellora dos servizos, sobre todo á asistencia aos pacientes; un elemento para a modernización do sistema”.

Case 2 millóns de accesos

Neste sentido, considerou que o éxito deste proxecto demóstrase coas súas cifras, xa que o número de usuarios rexistrados creceu dende os 1.927 de hai tres anos 10.008 actuais. Así, no ano 2011 realizáronse máis de 200.000 visitas e case dous millóns de accesos, aos que hai que engadir máis de 300.000 descargas de artigos das máis de 700 e-revistas comúns ás que está subscrita a Consellería.

Farjas, destacou, ademais, que entre os servizos de Bibliosaúde está o subministro de documentos que non están dispoñibles na biblioteca virtual: “No ano 2010 subministrou 32.000 artigos conseguidos noutras comunidades autónomas, cun tempo de resposta menor a dúas horas no 80% dos casos. Ademais, subministramos 13.000 artigos a outras Comunidades –destacou-. Estes logros pódense atribuír en grande parte ao esforzo realizado en formación: Formamos a case 2.000 profesionais en cursos presenciais, e este ano incorporamos a modalidade on-line, que aumenta considerablemente a accesibilidade.”

A conselleira afirmou que a prestación de servizos sanitarios de calidade require sobre todo profesionais formados e competentes, que teñan á súa disposición instrumentos de apoio no seu quefacer diario. A toma de decisións na asistencia aos pacientes, nas actividades de investigación e docencia e na xestión, opinou, debe fundamentarse na mellor información dispoñible. “E nós queremos facilitar o acceso a ela ao máximo”, asegurou.

A responsable da carteira sanitaria lembrou que, no momento actual, é máis necesario que nunca sacar o máximo rendemento aos recursos dispoñibles: “Todos debemos poñer o mellor das nosas capacidades para conseguir mellorar o excelente sistema sanitario que temos e prestar o mellor servizo aos pacientes: Bibliosaúde é un claro exemplo do que podemos facer nesta dirección.”

Acceso á información as 24 horas do día

Bibliosaúde, a biblioteca virtual do sistema público de saúde, naceu para cambiar o sistema existente -con bibliotecas presenciais nos hospitais- a outro que estende o acceso á información a todos os centros sanitarios. Grazas a este proxecto ponse a disposición de todos os profesionais do ámbito da sanidade información relevante e técnica que lles permite a toma de decisións na práctica clínica, na xestión, na docencia e na investigación.

Na actualidade, a biblioteca virtual está plenamente consolidada e ten un uso diario moi importante; e poden acceder a ela non só os profesionais sanitarios, senón tamén os médicos en prácticas, constituíndo, deste xeito, unha axuda importante para a súa formación. Neste sentido, Bibliosaúde permite, por un lado, que os profesionais podan acceder á información nun tempo menor, e, por outro, que co acceso virtual dispoñan dun número infinitamente maior de recursos técnicos.

Na actualidade, Bibliosaúde ofrece servizo as 24 horas do día a todos os hospitais do Sergas, a todos os centros de Atención Primaria e, ademais, aos servizos periféricos, departamentos territoriais provinciais, fundacións públicas e institutos asociados.

Todo o persoal do Sergas dispón de acceso á biblioteca virtual dende a Intranet ou dende Internet. Así mesmo, pódese acceder a coleccións de revistas médicas, a textos completos, libros e bases de datos, e dispón dun servizo de petición de artigos, busca bibliográfica, catálogo de libros on-line, etc.

Neste sentido, Bibliosaúde, ademais de dispor dunha colección básica de revistas e libros electrónicos de ciencias da saúde, ofrece servizos virtuais, incorporou recursos da rede social e racionalizou os custes en suscricións -diminuíndo o orzamento de gasto por este concepto en máis dun 30%-, á vez que mellorou a eficacia e eficiencia dos seus servizos.

“Bibliosaúde é un gran proxecto, resultado do traballo do equipo humano que o sustenta. Os profesionais das bibliotecas do sistema sanitario de Galicia foron capaces de facer realidade un proxecto innovador, de calidade, traballando en rede, como un único equipo. Persoas competentes, comprometidas, abertas a colaborar dentro e fóra da nosa Comunidade Autónoma”, concluíu Pilar Farjas.