O programa AceleraTech para facilitar a inmersión tecnolóxica das pemes mantén aberto o prazo de inscrición ata o 1 de outubro

Martes 22 de Setembro de 2020

O programa AceleraTech para facilitar a inmersión tecnolóxica das pemes mantén aberto o prazo de inscrición ata o 1 de outubro

• Aceleratech é unha iniciativa formativa para facilitar ao persoal directivo das pemes o achegamento ás tecnoloxías disruptivas que marcarán a vindeira década
• O programa será impartido pola Escola de Negocios da Fundación Abanca IESIDE

Responsables de Amtega e  IESIDE presentaron esta mañá o Programa formativo “AceleraTech, impulsando a transición dixital”, que comezará en outubro. É unha iniciativa formativa ofrece ás pemes galegas, especialmente ao seu persoal directivo, a posibilidade de achegarse ás tecnoloxías disruptivas máis relevantes e os beneficios e condicionantes necesarios para integralas na súa estratexia, estrutura e modelo de negocio. 
 
No encontro de hoxe o docente do curso, Álvaro Gómez Vieites, avanzou as vantaxes das tecnoloxías disruptivas para o tecido empresarial co relatorio “Transformación Dixital, xestión do cambio cultural, e o impacto de Big Data, IoT, Blockchain e a IA na transformación dos negocios”
 
Programa específico para persoal directivo
O programa está especialmente dirixido a xerentes e propietarias/os de empresas, xa que estas son as persoas con capacidade de decisión e as que poden impulsar e liderar unha transformación tecnolóxica real destas.
 
As prazas para participar no programa “Aceleratech” son limitadas e os interesadas poderán preinscribirse no seguinte enlace ata o día 1 de outubro https://cdtic.xunta.gal/aceleratech2020. De entre as solicitudes recibidas, a Amtega seleccionará a 25 directivos para  asistir ás sesións formativas.
 
Sesións formativas do AceleraTech
O programa desenvolverase a partir de outubro en colaboración con IESIDE e estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un taller final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos:
 
• A competencia na era dos negocios dixitais
• Big data, data science e intelixencia artificial
• Internet of the things e 5Gg
• Blockchain
• Ciberseguridade
• Construíndo a transformación dixital da peme: taller Lego® Serious Play®
 
Cómpre destacar que a sesión de ciberseguridade enmárcase no contexto do nodo de ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, e en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional,  INCIBE e  CCN  para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.