Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O primeiro ano da Estratexia Galicia Dixital 2030 mobilizou máis de 300 millóns de euros na transformación dixital da comunidade

• A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presidiu hoxe o pleno anual do Observatorio da Sociedade da Información
• Cómpre destacar que deste orzamento total preto de 113 millóns de euros corresponden a capital privado
• Avanzouse na consolidación dunha administración dixital, que xa ofrece a tramitación de máis do 95% do seus procedementos online e púxose en marcha a Estratexia Cloud do Sector Público autonómico
• Para mellorar a capacitación dixital dos galegos aprobouse o Marco galego de competencias Dixitais e o Plan de Reforma e Ampliación da Rede de aulas CEMIT
• Completouse o despregamento de redes ultrarrápidas en polígonos industriais e púxose en marcha o programa de mellora de cobertura móbil no rural
• No pleno avanzáronse as novidades do Plan de Traballo do Osimga para esta anualidade, que inclúe informes sobre o uso e habilidades dixitais dos Seniors galegos, unha actualización dos estudos sobre a Traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia, as Competencias dixitais da cidadanía galega e as tecnoloxías disruptivas

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presidiu hoxe o pleno anual do Observatorio da Sociedade da Información (Osimga), no que deu conta das medidas desenvolvidas neste último ano no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030), impulsada desde este departamento autonómico. Ademais, no pleno informouse do Plan de Traballo do Osimga para o próximo ano e fíxose balance do realizado en 2021.

 

Segundo destacou a directora en 2021 as actuacións da EGD 2030 mobilizaron máis de 300 millóns de euros dos que preto de 113 corresponden a capital privado. Estes investimentos permitiron avanzar nos 7 eixos que marca esta folla de ruta para consolidar a transformación dixital na Comunidade.

 

Balance de actuacións da Estratexia Galicia Dixital 2030

As medidas para avanzar un goberno dixital, máis eficaz e eficiente, permitiron que a día de hoxe ata un 95,5% dos procedementos habilitados na Sede Electrónica da Xunta poidan tramitarse electronicamente, e instrumentos como o Chave 365 aproximáronse ao millón e medio de usuarios.

 

Durante o 2021 botou a andar ademais o III Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza de Galicia – Senda 2025 e aprobáronse a Estratexia Cloud do Sector Público Autonómico para o impulso do uso da tecnoloxía na nube e o Plan 2021-2023 de posto dixital avanzado do persoal empregado público.

 

Para avanzar de cara a unha sociedade máis dixital e inclusiva aprobáronse o Marco galego de competencias dixitais, xa en vigor desde xaneiro do 2022; e  o Plan de Reforma e Ampliación da Rede de aulas CeMIT 2022- 2025, que transformará integralmente os centros da Rede en liña coas últimas tendencias arquitectónicas, tecnolóxicas e pedagóxicas.

 

No ámbito da saúde e o benestar social destaca a posta en marcha do sistema Passcovid.gal e o lanzamento da aplicación Sergas Móbil, que integra todos os servizos dixitais do Sergas. Ademais, a Comisión Europea seleccionou a plataforma TELEA, sistema de telemonitorización para o contacto entre pacientes e profesionais sanitarios, como modelo de boa práctica; e a aplicación AsisT.gal, que facilita a persoas maiores ou con necesidades especiais un contacto constante a través do móbil coa rede de servizos sociais ou coidadores foi recoñecida na XII edición dos premios SENDA baixo a categoría de iniciativa pública.

 

Para avanzar cara a un territorio intelixente, verde e resiliente, arrincou o desenvolvemento da Plataforma Galicia Territorio Intelixente, que será o instrumento de referencia para a xestión integral da información da rexión.

 

No que se refire ao impulso da innovación dixital do medio rural e do mar iniciouse o proxecto Agro 4.0, que persegue a creación dunha plataforma de información agraria que actúe como canle de comunicación entre titulares de explotacións e Administración, e completouse o proxecto Lonxas Galegas 4.0, con novos sistemas de comercialización e xestión en funcionamento en 35 lonxas e confrarías.

 

En relación aos avances en materia de conectividade dixital, finalizouse o despregamento de redes de banda larga ultrarrápida en polígonos industriais e púxose en marcha o proxecto de mellora na cobertura móbil do rural. Ademais, seguíronse a implementar as actuacións recollidas no Plan de Modernización tecnolóxica da mobilidade en Galicia (e-Mobility).

 

No eido do turismo e a cultura destaca a activación da canle de difusión específica do Camiño de Santiago “¡Buen Camino!”, o lanzamento dunha nova campaña do BonoTurístico #QuedamosEnGalicia, tramitada integramente de xeito dixital, e o impulso á dixitalización dos fondos patrimoniais dispoñibles en Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia.

 

Para apoiar a transición dixital do tecido produtivo galego anunciouse a posta en marcha do Marketplace Galicia Calidade, que se constituirá como mercado dixital oficial dos produtores galegos, e presentouse o selo Galicia Calidade Alimentaria para produtos agroalimentarios de recoñecida excelencia, que terán un escaparate de difusión inmellorable no futuro marketplace.

 

Púxose en marcha tamén a oficina virtual para empresas no eido do emprego, que permite a xestorías e empregadores a mecanización da oferta de traballo de forma telemática.

 

Para apoiar a dixitalización das empresa publicáronse ademais distintas convocatorias de axudas, como o programa Re-Acciona TIC, que deu soporte a máis de 100 entidades no seu proceso de transformación dixital.

 

No que se refire ao fomento da especialización tecnolóxica do territorio, destaca o arranque da actividade do Centro GaiásTech ademais da constitución da Rede de Nodos de Especialización Tecnolóxica de Galicia, da que forman parte o nodo de 5G, o nodo de ciberseguridade CIBER.gal e proximamente o nodo de Intelixencia Artificial.

 

Durante o 2021 presentouse tamén a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA), lanzouse un novo catálogo de actividades do Plan Digitalent, que conta coa colaboración dos axentes do ecosistema dixital para seguir fomentando vocacións STEAM e facilitando o acceso ao mercado laboral do talento dixital galego.

 

Cómpre destacar, ademais, a configuración do ecosistema GobTech, que busca implicar ao tecido produtivo na xeración de produtos e servizos tecnolóxicos para o sector público baseados nas tecnoloxías disruptivas.

 

Compromisos do Osimga en 2021 e novas iniciativas para o 2022

No pleno tamén se deu conta do cumprimento dos compromisos adquiridos en 2021 como a realización de tres novos estudos: “As Competencias Dixitais da Poboación Galega”, “Galicia Dixital: Tecnoloxías Disruptivas nas empresas” e o Informe Rapaciñ@s. Ademais o Observatorio tamén deu continuidade aos Diagnósticos sobre a evolución do equipamento e uso das TIC nos distintos ámbitos de observación e renovouse a cooperación co IGE e o INE para os próximos catro anos a través de dous convenios de colaboración con estas entidades.

 

En canto ás novidades do Plan de Traballo para 2022 destacan novos informes e liñas de traballo para contribuír a cumprir coas liñas estratéxicas da Estratexia Galicia Dixital 2030.

 

Así na próxima anualidade elaborarase o informe “Seniors dixitais” para avaliar o grao de acceso aos recursos dixitais e o uso das tecnoloxías por parte da poboación galega de 75 ou máis anos.

 

Ademais, o Osimga realizará unha actualización do estudo de Competencias Dixitais da cidadanía galega. Este informe ten como obxectivo coñecer a situación e determinar as habilidades dixitais da cidadanía galega, analizándoas segundo os distintos perfís socio-demográficos e adaptándose á metodoloxía renovada por EUROSTAT no último ano, de acordo cos diferentes organismos estatísticos estatais.

 

Outro dos compromisos para a próxima anualidade é a actualización do estudo “Talento Dixital: Evolución da Traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia”, que permite avaliar de maneira transversal o Eixe de Especialización Tecnolóxica da EGD2030. Ademais, no próximo ano continuarase coa análise específica das tecnoloxías disruptivas do sector TIC de Galicia.