Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O presidente da Xunta anuncia unha “nova inxección económica” de 12,5 millóns de euros á innovación empresarial, cun 15% máis de orzamento pese á crise

Alberto Núñez Feijóo salienta que a convocatoria de axudas será máis “áxil” porque será totalmente dixital e valorará especialmente as áreas de influencia do Plan Impulsa Lugo e do Plan Impulsa Ourense

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe unha “nova inxección económica” dirixida á innovación empresarial dotada con 12,5 millóns de euros, o que supón un incremento do orzamento do 15% a pesar da crise económica. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que aprobou esta partida, o titular do Goberno autonómico detallou que se trata de axudas á investigación empresarial e a proxectos emprendedores e que están destinadas fundamentalmente ás pequenas e medianas empresas.

Feijóo explicou que, ademais de aumentar o investimento, as axudas serán máis áxiles porque “se tramitarán de forma absolutamente dixital”, xa que, “se estamos a intentar promover a innovación, o que parece razoable é que as empresas sexa capaces de relacionarse coa Administración pública vía internet sen papeis para a tramitación destes 12,5 millóns de euros”.

Prioridade para as áreas de influencia dos Plans Impulsa Lugo e Ourense

Nas súas declaracións aos medios, o xefe do Goberno galego apuntou que as axudas á investigación empresarial e aos proxectos emprendedores serán “máis equilibradas”, xa que nas súa concesión se “valorarán especialmente as áreas de influencia do Plan Impulsa Lugo e do Plan Impulsa Ourense”.

En relación coa distribución das axudas, o presidente galego indicou que na liña destinada ao crecemento empresarial, as subvencións poderán acadar o 35% do custo subvencionable para a as empresas pequenas, o 25% para as empresas medianas e o 15% para as grandes empresas. Na liña de captación de investimentos para mellorar proxectos que se van a presentar a convocatorias de axudas estatais e internacionais, sinalou que as pemes poderán chegar ata o 70% do custe subvenionable e as grandes empresas ata o 60%. En terceiro lugar, referiuse ás axudas destinadas ás plataformas tecnolóxicas galegas, tamén co obxectivo de promover a súa participación nos programas estatais e internacionais de I+D, e finalmente, ás liñas de investimentos innovadores, que chegarán ao 50% para as pequenas empresas, o 40% para as medianas e o 30% para o resto das empresas.

Un esforzo en innovación pese á crise

“Seguimos a pesar da crise facendo un esforzo nas políticas de innovación e nos orzamentos de innovación na Comunidade Autónoma”, aseverou o presidente da Xunta. Resaltou o esforzo realizado en planificación, a través do Plan I2C, “aprobado para toda a lexislatura”; ao esforzo en materia de recursos humanos, “tratando de reter a maior parte dos investigadores de Galicia de conformidade coas universidades galegas”; e ao esforzo de recursos materiais “no propio Plan I2C, cun incremento do 45% dos investimentos en innovación, con proxectos pioneiros en innovación sanitaria, tanto os 90 millóns do Hospital 2050 como o Feder Interconecta, con 30 millóns de euros, e un fondo tecnolóxico, o primeiro fondo tecnolóxico da Comunidade Autónoma que intenta a través de capital risco impulsar proxectos de I+D”.

Nas súas declaracións Feijóo comprometeu a vontade de “seguir traballando a pesar das dificultades”, porque Galicia ten os recursos humanos, a planificación e a vontade para facelo. Ademais, expresou a súa confianza en que nas vindeiras semanas se constitúa definitivamente o centro directivo da Administración autonómica que compendiará todas as políticas de innovación, que será a Axencia de Innovación.