O portal da Xunta transfórmase nunha canle de información e servizos máis interactiva e aberta permanentemente ao cidadán

Venres 11 de Xuño de 2010

O portal da Xunta transfórmase nunha canle de información e servizos máis interactiva e aberta permanentemente ao cidadán

A web corporativa organiza a información por colectivos de cidadanía e profesionais, integrando baixo un total de 20 epígrafes distintos datos e servizos de interese par cada un dos perfiles

Incrementa os servizos dispoñibles, ofrecendo unha navegación máis intuitiva, unha maior interactividade e novas canles multimedia

A Xunta puxo hoxe en marcha o seu novo portal corporativo, máis intuitivo, sinxelo e accesible ao cidadán. A web foi concebida pensando en mellorar a atención ao usuario, incrementando os servizos dispoñibles, ofrecendo unha navegación asequible a todos os perfiles, unha maior interactividade e novas canles multimedia.

A nova páxina web deixa de lado o concepción estritamente institucional e informativa para avanzar no concepto de administración electrónica, converténdose nunha porta de entrada única onde o usuario poida acceder á información dunha forma moito máis clara. Cada vez serán máis os trámites que se poderán realizar de xeito telemático como prevé o plan de modernización da Administración da Xunta que estenderá o uso das novas tecnoloxías para ofertar novos servizos e mellorar os actuais, acelerando a tramitación de procedementos e facilitando a participación e a información da cidadanía en tempo real.

O novo deseño ofrece una maior usabilidade e interactividade, de xeito que o usuario saiba sempre en que punto da súa navegación se atopa e como accedeu a el. Con este obxectivo emprégase de xeito uniforme un ton de cor para sinalizar as zonas activas e cunha iconografía representativa de seccións, servizos, colectivos e áreas temáticas.

Organización por colectivos

O cambio máis significativo é o acceso á información a través de epígrafes de colectivos. Un total de 20 grupos nos que se integra a información que hai en todos os portais da Xunta que pode ser de interese para ese colectivo. Así, empresas, traballadores, desempregados, maiores e mozos, entre outros, poderán acceder a través dun único link aos datos e servizos relacionados co seu perfil e que doutro xeito terían que empregando máis tempo e esforzo de páxina en páxina.

Con este sistema de navegación, centrado no usuario, afórrase tempo e evítase a busca da información por departamentos. Deixase a un lado o deseño da web que segue estritamente o organigrama institucional e facilítase o acceso aos contidos, categorizándoos por colectivos e por área temática, con independencia da unidade organizativa responsable dos mesmos. Este formato irase ampliando en función das necesidades dos usurarios, xa que desde a Xunta, concíbese a web non só como un punto de información senón como un portal vivo con capacidade de adaptarse ao cambios, especialmente rápidos neste tipo de ferramentas tecnolóxicas.

Administración electrónica

O espazo que integra todos os servizos telemáticos é o portal de Administración electrónica na que cidadáns e empresas poden acceder aos procedementos que están a punto de pecharse ou que acaban de iniciarse. Ademais, o usuario dispón dun buscador de procedementos para poder localizar aqueles que se poidan tramitar telematicamente. Este espazo conta tamén cun apartado con contidos de carácter divulgativo e explicativo sobre temas de interese relacionados coa eAdministración e un acceso ás oficinas virtuais máis visitadas.

Novas canles multimedia

Entre os novos servizos que achega a páxina está a posibilidade subscribirse ao servizo de avisos vía sms que, nun primeiro momento, informará aos usuarios das alertas e avisos que se colguen na web pero que irá incorporando máis prestacións de xeito progresivo. O novo portal da Xunta aposta polo impulso dos formatos multimedia co desenvolvemento de galerías para acceder a imaxes, vídeo e sons.