O Plan Director de Banda Larga cubrirá as carencias para acceder a internet que rexistra o territorio galego e que o Mapa de Telecomunicacións de Galicia pon de manifesto

Domingo 06 de Decembro de 2009

O Plan Director de Banda Larga cubrirá as carencias para acceder a internet que rexistra o territorio galego e que o Mapa de Telecomunicacións de Galicia pon de manifesto

O Plan Director de Banda Larga de Galicia é o primeiro destas características que se realiza en base ás necesidades reais e non só tendo en conta as actuacións acometidas ata o de agora. O Mapa de Infraestruturas de Telecomunicacións de Galicia determina que, na actualidade, hai máis de 700.000 galegos que non teñen posibilidade de aceso á banda larga; é dicir, a cuarta parte da poboación de Galicia. O informe conclúe que case a metade dos núcleos de poboación de toda Galicia non contan con posibilidade de acceso a banda larga, un total de 14.000. Aqueles nos que si existe este servizo concéntranse nos contornos das grandes cidades, as zonas costeiras e o eixo Atlántico. Os datos obtidos poñen de manifesto que existe unha grande diferenza entre os núcleos máis poboados e os que teñen menos habitantes, un factor que contribúe a incrementar a chamada fenda dixital.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica segue a preparar o Plan Director de Banda Larga de Galicia que comezará a executar a principios de ano, e co que prevé dar solución ás dificultades que existen na xeografía galega para acceder a internet, e que o Mapa de Infraestruturas de Telecomunicacións pon de manifesto.

Este departamento da Xunta que dirixe Mar Pereira, vén de elaborar o Mapa de Infraestruturas de Telecomunicacións de Galicia, un “diagnóstico exhaustivo”, en palabras da secretaria xeral, do nivel actual de despregamento da banda larga na nosa comunidade, tendo en conta as infraestruturas dispoñibles, a cobertura e, tamén, facendo fincapé na demanda existente tanto por parte da poboación como por parte das empresas e organismos públicos. De feito, o Plan Director de Banda Larga é o primeiro plan destas características que se realiza en base ás necesidades reais e non só cinguíndose ás actuacións acometidas ata o de agora.

Este estudo pormenorizado realizouse en colaboración e de xeito coordinado coas deputacións e os concellos de Galicia para os que se está a difundir, a través da FEGAMP, unha guía de recomendacións para complementar actuacións nesta materia; e se abriu unha oficina técnica (oficinadeconcellos@xunta.es) para o seu asesoramento.

A cuarta parte da poboación galega non ten acceso á banda larga
Do informe elaborado pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que debuxa o Mapa de Infraestruturas de Telecomunicacións de Galicia, extráese que na actualidade hai máis de 700.000 galegos que non teñen posibilidade de aceso á banda larga; é dicir, a cuarta parte da poboación de Galicia.

Segundo determina o estudo, preto de 1.800.000 galegos si acceden á banda larga, aínda que case 700.000 fano en zonas nas que un só operador oferta este servizo, o que significa que unicamente o 40 por cento dos galegos residen en zonas onde existen, cando menos, dous operadores de conexión á rede.

As provincias de Lugo e Ourense son as máis castigadas neste aspecto, posto que o 40 por cento da súa poboación non dispón de conexión a internet; mentres que na Coruña e Pontevedra, esta porcentaxe redúcese ata o 24 por cento aproximadamente.

Dos 315 concellos de Galicia, en 153 predominan os núcleos de poboación sen infraestrutura de banda larga, é dicir, en ditos concellos abundan as denominadas “zonas brancas” (Mapa 1).

Do mesmo xeito, en 117 concellos predominan os núcleos de poboación denominados “zonas grises”, nas que só hai un operador que dea o servizo de banda larga, polo que non existe competencia con outras empresas operadoras que poida traducirse4 en mellores servizos a un prezo máis razoable.

Polo tanto, nos 45 concellos restantes predominan os núcleos de poboación con máis de un operador que oferte conexión de banda larga. Son as que no Mapa de Telecomunicacións se denominan “zonas negras”.

O informe conclúe, pois, que case a metade dos núcleos de poboación de toda Galicia non contan con posibilidade de acceso a banda larga, un total de 14.000. Aqueles nos que si existe este servizo concéntranse nos contornos das grandes cidades, as zonas costeiras e o eixo Atlántico. Segmentando cada núcleo segundo o número de habitantes, isto quere dicir que o 49,4 por cento dos núcleos de menos de 100 habitantes non teñen posibilidade de acceso a Internet. Naqueles que contan con menos de 1.000 habitantes, o 29,5 por cento, non posúen este servizo. E nas poboacións de máis de 1.000 habitantes, son tan só o 6,6 por cento delas as que carecen de conexión, porque un 75,5 por cento si dispón de acceso á banda larga. (Mapa 2)

Estes datos poñen de manifesto que existe unha grande diferenza entre os núcleos máis poboados e os que teñen menos habitantes, un factor que contribúe a incrementar a chamada fenda dixital. O informe constata, tamén, que actualmente existen 46 concellos con máis dun 90 por cento de demanda insatisfeita, e practicamente 100 cun nivel de demanda insatisfeita de entre o 60 e o 90 por cento. (Mapa 3)

Situación nas empresas e nos servizos públicos
Tendo en conta que un 95 por cento das empresas galegas posúen menos de 10 empregados, o INE de 209 sitúa a Galicia na cola das pequenas empresas que contan con conexión de banda larga, 10 puntos por debaixo da media estatal. Non obstante, aquelas con máis de 10 empregados con conexión a Internet interactuaron coas administracións públicas mediante esta rede.

No tocante aos servizos públicos, os datos resultantes do actual Mapa de Telecomunicacións de Galicia revelan o actual risco que existe en moitos concellos de non poder contar con servizos públicos de calidade derivados da falta de dispoñibilidade deste tipo de conexión. Por iso, o axeitado desenvolvemento da banda larga neste lugares permitira a modernización dos servizos esenciais que se prestan aos galegos desde estas administracións.

Actualmente en máis de 1.200 poboacións existe algún punto de demanda de banda larga para os seus centros de saúde, colexios, edificios consistoriais, etc. Delas, o 33 por cento non contan con posibilidade de acceso a este servizo e, polo tanto, a súa demanda non está cuberta. Só o 10 por cento conta con máis dun operador e o 56 por cento restante, están situadas en zonas onde só presta servizo un único operador.

No que atinxe aos cento de saúde, dos máis de 450 que existen en Galicia, 120 conta cun acceso á banda larga insuficiente e un 25 por cento non ten posibilidade de acceso axeitado. Nos máis de 1.200 centros educativos pertencentes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, 300 deles non dispoñen de servizo ou este non é de calidade, é dicir un 25 por cento manexa largos de banda insuficientes. Así mesmo, nun 10 por cento dos xulgados de Paz tamén existen carencias.

Para atender esta demanda a Xunta quere impulsar a incorporación plena das novas tecnoloxías a estes eidos e está a elaborar o Primeiro Plan integral de Sistemas de Información para a Administracións de Xustiza co fin de avanzar cara a un modelo máis integral e moderno.

Unha situación consecuencia da ausencia dun plan global que canalizara actuacións e investimentos
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ten constatado que Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que nunca contou cunha política común de actuación para o despregamento da banda larga, nin con ningún plan global que canalizara investimentos e establecera a estratexia a seguir neste terreo; polo que, a dispoñibilidade desta tecnoloxía na nosa comunidade dista moito de poder considerarse, cando menos, satisfactoria.

Esta forma de actuar mermou, sen dúbida, a posibilidade de multiplicar o investimento a través de modelos válidos de cooperación, establecidos de forma transversal e integrando todas as actuacións. De feito, con carácter xeral, os datos actuais seguen a situar Galicia como unha das comunidades autónomas menos desenvolvidas en materia de acceso aos servizos de telecomunicacións e, por tanto, en progreso da Sociedade da Información.

Galicia, 5 puntos por debaixo da media estatal en canto a dispoñibilidade de banda larga nos fogares
Galicia está á cola das autonomías en canto a porcentaxe de fogares con banda larga (14,8 liñas por cada cen habitantes, cinco puntos de por debaixo da media estatal, por diante de Extremadura); e, tamén, na porcentaxe de empresas con acceso a internet, posto que a penetración de internet de banda larga en autónomos en empresas con menos de dez empregados é inferior en dez puntos á media estatal, segundo o INE. Ademais, non existe unha converxencia real co conxunto do Estado e coa UE.

O informe de seguimento do Plan Estratéxico Galego Sociedade da Información (PEGSI) 2008, pon de manifesto que aumentou a cobertura dixital de banda larga en sete puntos nos concellos urbanos entre 2007 e 2008 e só tres puntos nos concellos rurais, o que denota un claro incremento da fenda dixital.