Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O Plan Digitalent da Amtega pon en marcha tres novas iniciativas para impulsar vocacións dixitais e novos perfís tecnolóxicos

• Son as actividades previstas para o segundo trimestre do ano, que se suman ás 14 que se desenvolveron inicio do curso 2018-19
• O 15 de xuño organizarase a fase local da World Robot Olympiad na Cidade da Cultura, unha competición global de robótica educativa con ata 110 prazas que permitirá a clasificación para a final nacional e internacional
• Desenvolverase o concurso de programación The North Codes no que as parellas de participantes crearán un videoxogo de aventuras utilizando a tecnoloxía Scratch
• Porase en marcha o programa de Bolsas DigiTalent, coa selección das empresas do sector TIC que ofrecerán prácticas non laborais a estudantes universitarios do ámbito STEM en empresas do sector TIC
• Toda a información sobre as actividades do Plan está dispoñible no novo portal de DigiTalent


Durante o segundo trimestre deste ano o Plan DigiTalent, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), amplíase con tres novas actuacións: a fase local da World Robot Olympiad e as Bolsas DigiTalent, ambas impulsadas pola Amtega, e a iniciativa The North Codes promovida pola empresa DXC Technology. 

Estas actuacións súmanse ás catorce iniciativas que veñen desenvolvendo desde o inicio do curso 2018-2019 e coas que a Amtega e o sector TIC suman esforzos para avanzar no desenvolvemento de dous dos eixos estratéxicos do Plan DigiTalent: as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais.

Novo portal de DigitTalent
Toda a información sobre as novas actividades e as que están en curso están dispoñibles no novo portal do Plan DigiTalent digitalent.xunta.gal. Esta web é o punto de acceso ao catálogo de actividades e permite unha consulta adaptada ás necesidades dos distintos perfís de usuarios, ofrecendo información personalizada, segundo rango de idades, data e lugares de celebración, entre outros criterios.

Ademais, é unha canle aberta de comunicación, ofrecendo acceso ás publicacións en redes sociais máis relevantes nesta materias, chegando ao público obxectivo de xeito máis dinámico e interactivo.

Estímulo ás vocacións científico STEM 
O primeiro eixo do Plan DigiTalent está centrado en espertar, motivar e potenciar as vocacións STEM desde idades temperás, tendo en conta a perspectiva de xénero. A día de hoxe, xa se lanzaron once actuacións neste ámbito, seis delas actualmente en curso: Tecnólogo por un día, impulsada pola Amtega, CreaR, da man do operador R, DixiXogo, en colaboración con Iecisa, GenTech promovida pola empresa Altia; e O Core das TIC e Futurelab+Codefun, organizadas polas empresas Coremain e Sivsa respectivamente. 

Agora este eixo refórzase coa organización o 15 de xuño da WRO Galicia na Cidade da Cultura, a fase local da World Robot Olympiad, que ofrecerá ao alumnado unha oportunidade de achegarse dun xeito lúdico e divertido á  tecnoloxía e á enxeñería. O concurso engloba diversos retos a resolver por equipos e que se celebran de xeito independente, neste caso Regular e Football nos que poderán participar ata 110 estudantes galegos divididos diferentes categorías, que abranguen dos 6 aos 19 anos. Os retos da edición 2019 están inspirados na temática Smart Cities. 

A esta actuación súmase a iniciativa The North Codes impulsada pola empresa DXC Technology, actualmente con prazo de inscrición aberto, e na que colaboran os centros de Santiago de Compostela e Asturias. Trátase dun concurso de programación no que os participantes, estudantes que estean cursando desde 5º de educación primaria ata 4º de secundaria, terán que crear un videoxogo de aventuras en 2D utilizando a tecnoloxía Scratch. 

Os participantes, por parellas, poderán ata o 20 de maio desenvolver o seu proxecto que se entregará a través da web do concurso. Posteriormente un xurado, formado por voluntarios de DXC Technology, avaliará todos os traballos en base a creatividade, orixinalidade, precisión, méritos técnicos e boas prácticas de programación; seleccionando 2 equipos gañadores por categoría. 

Impulso dos novos perfís dixitais
Outro dos eixos do Plan DigiTalent persegue reverter o gap de competencias dixitais para cubrir os postos vacantes e facilitar aos profesionais TIC a súa adaptación ao novos requirimentos da dixitalización. 

O labor neste eixo do Plan reforzarase coa posta en marcha do programa de Bolsas DigiTalent, impulsado pola Amtega, para a realización de prácticas non laborais en empresas do sector TIC. Neste segundo trimestres trimestre, identificaranse as empresas interesadas en participar neste programa e que ofertarán aos estudantes universitarios de disciplinas afíns ás TIC e do ámbito STEM a oportunidade de participar nun proxecto tecnolóxico e innovador. 

Catálogo de actividades DigiTalent 2018/19
O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, concibiuse como un plan de actuacións vivo e aberto á colaboración e reflexión de todos os axentes do ecosistema.

Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no novo espazo web digitalent.xunta.gal, onde se irá publicando a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.