O Plan de Talento Dixital da Xunta pon en marcha as primeiras iniciativas para impulsar as vocacións STEM entre os máis novos
• Empresas asinantes do Pacto Dixital ofrecen preto de 80 becas para o programa Áncora e máis de 50 prazas para a iniciativa Tecnólogo por un día
• Este ano poranse en marcha iniciativa Girl Stem para fomentar o atractivo vocacional das carreiras científico tecnolóxicas entre as mozas, os campamentos de verán TIC Digitalia e o programa de actividades lúdicas Techkids
• Son 5 das 20 iniciativas do Plan para potenciar o atractivo dos estudos científico-tecnolóxicos desde idades temperás
• Só o 9,3% dos matriculados nas universidades galegas estudan carreiras STEM
• A porcentaxe de mulleres no sector TIC en Galicia sitúase no 32%, segundo o último estudo elaborado polo Osimga
• A fenda de xénero comeza xa no ensino obrigatorio, cando só o 33% das mozas de ESO optan polo Bacharelato científico-tecnolóxico
Estimular o talento precoz no ámbito TIC e fomentar o talento vocacional das profesións científico-tecnolóxicas desde idades temperás, con especial atención entre as mozas, son os obxectivos principais do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.
O Plan, conta xa coa adhesión das empresas asinantes do Pacto Dixital que se suman ás primeiras iniciativas propostas pola Amtega o pasado mes de decembro, o Programa de becas Áncora e a o programa Tecnólogos por un día.
Ademais, tamén se porá en marcha este ano unha iniciativa focalizada nas rapazas, Girl Stem un programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que a través de diferentes sesións de traballo achegarán a súa experiencia ás nenas, clarificando posibles dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos.
Tamén se levarán a cabo os campamentos TIC Digitalia para rapaces e rapazas de entre 12 e 13 anos, que se incluirán na edición de 2018 do Programa de Campamentos de verán da Xunta. Outro dos programas que se lanzarán este ano é Techkids, dirixido a rapaces e rapazas de 10 a 16 anos, que poderán participan en obradoiros para deseñarán, construír, probar e programar robots e aplicacións.
Son cinco das 20 iniciativas formuladas no Plan DigiTalent para potenciar o atractivo dos estudos científico-tecnolóxicos desde idades temperás.
Becas Áncora e Tecnólogos por un día
Áncora é un programa de prácticas non laborais en grandes empresas do sector TIC, tanto en centros de traballo de Galicia como do estranxeiro, con compromiso de contratación das persoas que superen con éxito o período de prácticas, que será de entre 6 e 9 meses. Altia, Coremain, Evereis, Iecisa, Indra, R e Televés ofrecen un total de 78 prazas para estudantes universitarios, de FP ou recentemente titulados que estean cursando formación da rama tecnolóxica.
Ata 54 rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos poderán ser Tecnólogos por una día e experimentar en primeira persoa a xornada laboral dun profesional do sector, participando nas distintas actividades que teña na axenda de traballo (reunións, visitas a clientes tecnolóxicos, comida de traballo, etc.). Altia, Coremain, Evereis, Iecisa, Indra e mostraranlle aos participantes as dinámicas que dominan este tipo de profesións e resolver as súa dúbidas vocacionais.
Escasa demanda das carreiras STEM
Actualmente en Galicia só o 9,3% dos matriculados no sistema universitario cursa carreiras do ámbito STEM (estudos científicos, tecnolóxicos, en Enxeñarías ou Matemáticas). A presenza de mulleres nestes estudos redúcese ao 29%, unha de xénero que comeza xa na elección dos estudos posteriores á ESO, cando só o 33% das mozas galegas se decantan polo Bacharelato científico-tecnolóxico fronte ao 46% dos mozos.
A baixa demanda das carreiras STEM contrasta coa alta empregabilidade dos profesionais do ámbito dixital. En Galicia o sector tecnolóxico mantivo nos últimos anos una taxa de emprego estable en torno ao 1,6%, batendo o seu récord de empregabilidade en 2016 con máis de 16.000 traballadores.
Fenda de xénero no sector TIC
A porcentaxe de empregadas dos sector sitúase no 32%, segundo os últimos datos do estudo “As mulleres no sector TIC” publicado esta semana polo Osimga, un reflexo do que acontece xa antes do Bacharelato.
Respecto aos roles, o estudo sinala que mentres o 26,8% dos traballadores do sector TIC son homes que contan con formación TIC de grao medio ou superior, só o 7,4% son mulleres que dispoñen da mesma formación académica. Tamén cabe salientar a significativa fenda existente nos ciclos formativos superiores TIC: 17% de homes fronte a tan só un 4,3% de mulleres.
A presenza de mulleres nas distintas áreas funcionais das compañías do sector tecnolóxico galego non é homoxénea. Así, só o 11,1% das mulleres desenvolve funcións TIC fronte ao 41,5% dos homes. En relación ao persoal que non desempeña tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (17,7%) é só 3,8 puntos inferior á dos homes (21,5%)
Dentro das empresas TIC galegas, tan só un 21,1% de empresas TIC contan con mulleres directivas. E respecto aos traballadores dedicados a I+D+i, o 88,6% son homes fronte ao 11,4% de mulleres. Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org