O Plan de Banda Larga facilita o acceso á internet desde hoxe a máis de 28.000 habitantes de 20 concellos do sur da provincia de Lugo

Luns 29 de Novembro de 2010

O Plan de Banda Larga facilita o acceso á internet desde hoxe a máis de 28.000 habitantes de 20 concellos do sur da provincia de Lugo

A Xunta comezou as actuacións do Plan nesta zona por ser a máis afectada pola fenda dixital

O despregamentos completarase ao longo do mes de decembro posibilitando que antes de fin de ano case 35.000 habitantes de máis de 2.000 núcleos do sur de Lugo e a súa contorna poidan acceder á rede

A solución técnica para estas zonas de difícil acceso está baseada na nova tecnoloxía Wimax Móbil en banda licenciada que garantirá a cobertura e a capacidade do servizo de banda larga

Antes de que remate o ano en torno a 250.000 persoas de toda Galicia que carecían de cobertura terán a posibilidade de acceder á Internet de calidade

Máis de 28.000 veciños de 1.700 núcleos de 20 concellos do sur de Lugo e a súa contorna dispoñen desde hoxe da posibilidade de acceder a un servizo de Internet de calidade grazas ao Plan de Banda Larga, que está a desenvolver a Xunta de Galicia. O Goberno galego iniciou as accións do Plan nesta zona por ser unha das áreas que máis acusa a fenda dixital.

Desde hoxe o operador Iberbanda, adxudicatario da subvención da Xunta para o despregamento de redes sen fíos nesta zona, comeza a prestar servizo en 20 concellos do sur de Lugo. Concretamente, o operador porá en marcha o servizo de acceso á rede en núcleos dos municipios de Antas de Ulla, Bóveda, Carballedo, Chantada, O Corgo, Guntín, Láncara, Monforte de Lemos, Monterroso, Pantón, Paradela, O Páramo, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sarria, O Saviñao, Sober e Taboada.

Obxectivos no 2010

Ao longo do mes de decembro, Iberbanda irá habilitando o servizo na zona para achegar Internet de calidade antes de que remate a preto de 35.000 habitantes de máis de 2.000 núcleos de 27 concellos do sur de Lugo e a súa contorna.

Dos 27 concellos previstos nesta actuación, 22 son da provincia de Lugo (Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Taboada, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Antas de Ulla, Bóveda, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria); e 5 da provincia de Ourense (Nogueira de Ramuín, A Peroxa A Teixeira San Cristovo de Cea e Vilamarín).

Tecnoloxía e investimento

A solución ofertada por Iberbanda empregará a tecnoloxía sen fíos Wimax Móbil de banda licenciada que, prestará un servizo mínimo esixido de 2 Mbps de velocidade de baixada e 512 Kbps de subida.

Para o despregamento de redes de telecomunicacións na zona, a Xunta concedeu o pasado mes de setembro axudas por un importe de 624.000 euros ao operador Iberbanda que mobilizarán un orzamento total de case 2 millóns euros.

Na Comunidade

Antes de que remate o ano en torno a 250.000 galegos que carecían de cobertura terán a posibilidade de acceder á Internet de calidade grazas ao O Plan Banda Larga de Galicia 2010-2013, reducindo nun terzo a poboación da Comunidade que non dispoñían de acceso á Rede. A día de hoxe, e tras a posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan son xa en torno aos 200.000 os galegos que poden acceder á banda larga e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo.

Ademais, no presente ano conseguirase garantir a cobertura de Internet de calidade a máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura así como, posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos servizos públicos sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é clave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.

O Plan contempla cinco actuacións das que xa se puxeron en marcha 4: a implantación de redes fixas, sen fíos, de nova xeración (con velocidades de 100Mbps), e a potenciación do operador público Retegal que está a poñer a disposición do resto dos operadores a súa infraestrutura favorecendo a competencia.

Para levar a cabo as actuacións en marcha ata a data, a Xunta de Galicia está a investir 70 millóns de euros cos que está a mobilizar un orzamento total de 200 millóns de euros entre capital público e privado.