O Plan de Banda Larga da Xunta facilitou o acceso á internet a máis de 5.000 veciños da comarca de Viana que carecían de cobertura

Domingo 11 de Decembro de 2011

O Plan de Banda Larga da Xunta facilitou o acceso á internet a máis de 5.000 veciños da comarca de Viana que carecían de cobertura

En ano e medio a porcentaxe de poboación con acceso á rede na comarca incrementouse nun 77%, pasando do 6% a case o 83% grazas ao Plan

A previsión é que no 2013 a cobertura na comarca supere o 95% con redes fixas e redes sen fíos e completala ata o 100% a través de satélite

O Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta de Galicia posibilitou que preto de 5.000 veciños da Comarca de Viana,  que carecían de acceso á Rede,  teñan a posibilidade de conectarse a Internet. Isto supuxo incrementar nun 77% a porcentaxe de poboación con cobertura nesa área. 

Antes da posta en marcha do Plan tan só o 6% dos habitantes dos catro concellos desta área podían conectarse a Internet. Tras o despregamento de redes fixas e redes sen fíos nesta zona, a cobertura incrementouse ata máis do 82% da poboación. A previsión é que no 2013 a comarca supere o 95% de cobertura a través deste tipo de redes, unha porcentaxe que chegará ata o 100% a través de satélite.
 
O incremento de cobertura por municipio é moi significativo especialmente no caso de A Mezquita e Vilariño de Conso que pasaron de ter unha cobertura practicamente nula máis dun 91% e a un 40% respectivamente. En Viana do Bolo o Plan permitiu que a porcentaxe de poboación con acceso a internet pasara do 7,% a máis do 85% e en A Gudiña do 11% inicial contan agora con máis do 88% da poboación cuberta.

O Plan reduciu en máis do 41% os galegos sen cobertura na Comunidade

A día de hoxe, e tras a posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013 son xa máis de 323.000 os galegos que poden acceder á banda larga e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á Rede chegue ao 87,30% fronte ao 70% existente en 2009.

A posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. O ano pasado a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10%.

Ademais, conseguiuse garantir a cobertura de Internet de calidade a máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura así como, posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda de servizos públicos (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é clave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.