O Plan de Banda Larga da Xunta facilitou o acceso á Internet a máis de 3.000 veciños da Mariña luguesa que non tiñan cobertura

Domingo 14 de Agosto de 2011

O Plan de Banda Larga da Xunta facilitou o acceso á Internet a máis de 3.000 veciños da Mariña luguesa que non tiñan cobertura

En menos dun ano a porcentaxe de cobertura conxunta dos Concellos de Barreiros, A Pontenova, Ribadeo e Trabada pasou do 60%, ao 74% grazas ao Plan

No municipio de Alfoz, onde a posibilidade de acceso á Rede era practicamente inexistente, acadouse preto dun 29% de cobertura

O Plan reduciu nun 41% os galegos sen posibilidade de conexión en toda Galicia

Un total de 3.100 persoas da Mariña luguesa que carecían de acceso a Internet teñen xa a posibilidade de conectarse á Rede grazas as actuacións do Plan de Banda Larga 2010-2013, que está a desenvolver a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

As actuacións do Plan na Comarca ata agora supuxeron achegar a posibilidade de acceso á Internet a través de redes fixas e redes sen fíos a 2.500 veciños do concellos de Barreiros, A Pontenova, Ribadeo e Taboada, na Mariña Oriental, e a outros 600 habitantes do municipio de Alfoz, na Mariña Central, a través de redes fixas.

Mariña Central
Antes da posta en marcha do Plan a cobertura conxunta dos municipios de Barreiros, A Pontenova, Ribadeo e Trabada non superaba o 60% e, en menos dun ano, e grazas aos despregamentos derivados do Plan na zona, incrementouse a porcentaxe de persoas con posibilidade de conexión ata o 74%, é dicir 2.500 persoas. A previsión é que non 2013 máis do 90% dos veciños teñan cobertura e completar o 100% vía satélite.

Alfoz
Antes da posta en marcha do Plan, o Concello de Alfoz, pertencente á Mariña Central, carecía practicamente de cobertura de Internet. A día de hoxe preto dun 29% dos veciños (600 persoas) poden conectarse á Rede grazas ao despregamento realizado por Telefónica. Esta porcentaxe irase incrementando paulatinamente nos vindeiros meses ata acadar no 2013 unha cobertura de máis do 90% da poboación e a porcentaxe restante a través de satélite.

Servizos públicos conectados
As medidas que se están a desenvolver ao abeiro do Plan están garantir tamén o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda de servizos públicos (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) que ata agora carecían de banda larga.

No caso da Mariña Central beneficiáronse destas accións dúas farmacias con Concello de Trabada, así como a Casas Consistoriais e os Xulgados de Paz de Barreiros, Trabada e a Pontenova. En Alfoz, tanto o Concello como o Xulgado de Paz e o CEIP Casto de Ouro teñen cobertura grazas ao Plan de Banda Larga.

Velocidades de 6 Mbps
Unha das liñas de acción que o Plan desenvolve nesta zona é a extensión de redes fixas que está a desenvolver o operador Telefónica e que garanten unha velocidade de 6 Mbps nun total de 192 núcleos a día de hoxe. Para o despregamento destas infraestruturas de telecomunicación na Comunidade a Xunta concedeu a Telefónica o pasado mes de setembro unha subvención de preto de 5,3 millóns de euros, que xerará un investimento total de preto de 23 millóns.

Telefónica posibilitou xa que preto de 88.400 persoas de toda Galicia, que ata agora non contaban con cobertura, dispoñan da posibilidade de acceso a un servizo de banda larga de calidade.

Melloras do Operador
O operador Telefónica, mellorou a súa oferta na zona ofrecendo desde finais de 2010 un servizo de 10Mbps en lugar do de 6Mbps ao mesmo prezo. Ademais, os clientes dispoñen sen custe adicional dun sistema de almacenamento privado, “Terabox”, cunha capacidade de ata 100Mbps. Estas melloras forman parte dos compromisos acadados polo operador dentro do Plan de Banda Larga da Xunta.

O Plan reduciu en preto do 41% os galegos sen cobertura na Comunidade
A día de hoxe, e tras a posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013 son xa en torno a 321.000 os galegos que poden acceder á banda larga e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegue ao 83,60% fronte ao 70% existente en 2009.

A posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. O ano pasado a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10% e a previsión é que en 2011 esta porcentaxe diminúa ata un 7%.

Ademais, conseguiuse garantir a cobertura de Internet de calidade a máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura así como, posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda de servizos públicos (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é clave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.

O Plan contempla seis actuacións das que xa se puxeron en marcha 4: a implantación de redes fixas, sen fíos, de nova xeración (con velocidades de 100Mbps), e a potenciación do operador público Retegal que está a poñer a disposición dos resto dos operadores a súa infraestrutura favorecendo a competencia. Proximamente porase en marcha unha nova actuación para completar a cobertura en máis de 11.000 núcleos do rural, dotando de conectividade a outras 250.000 galegos.