O plan de banda larga da Xunta facilita conexións a internet de 100 megas aos IES Montecelo, Carlos Oroza e o CEE Príncipe Felipe de Pontevedra

Martes 22 de Outubro de 2013

O plan de banda larga da Xunta facilita conexións a internet de 100 megas aos IES Montecelo, Carlos Oroza e o CEE Príncipe Felipe de Pontevedra

Grazas as actuacións que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica xa son 208 os centros educativos da Comunidade que dispoñen desta conexión ultrarrápida, 51 deles na provincia de Pontevedra

As Redes de Nova Xeración permiten un acceso ata dez veces máis rápido aos diferentes recursos na Rede e o acceso simultáneo de máis usuarios

Esta actuación intégrase no Plan de Banda Laga que está a despregar infraestruturas de telecomunicación para que tanto os centros administrativos como os cidadáns poidan acceder a un servizo de Internet de calidade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de completar a implantación de redes de nova xeración con 100 Mbps en 3 centros da Consellería de Cultura, Educación e O.U: no IES Montecelo, no CIFP Carlos Oroza e no CEE Príncipe Felipe, todos eles situados na cidade de Pontevedra. Con estes tres centros a provincia de Pontevedra conta xa con 51 dos 208 os centros educativos aos que xa se lles facilitou o acceso a esta tecnoloxía no último ano, grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta.

A mellora destas infraestruturas de telecomunicación posibilita, ademais do incremento da velocidade de conexión, o acceso simultáneo dun maior número de usuarios e a posibilidade de traballar cun maior número de aplicacións informáticas.

Con esta actuación búscase dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e de colocar á comunidade educativa na vangarda do progreso, con proxectos como o Abalar para integrar as TIC no sistema educativo.

A mellora da conectividade dos centros educativos é posible grazas á posta en marcha pola Xunta do Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGAs) coas velocidades máis punteiras.

A implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. Deste xeito o alumnado pode ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; pode conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permite o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.

Plan de Banda Larga
Para o desenvolvemento de proxectos como Abalar e para a integración das TIC en todos o ámbitos administrativos é fundamental contar infraestruturas de telecomunicación adecuadas. Por iso, a Xunta puxo en marcha en 2010 o Plan de Banda Larga, está a posibilitar que tanto os centros administrativos como os cidadáns teñan acceso a un servizo de Internet de calidade.

Unha das actuacións do Plan é a extensión de redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps, da que xa se benefician máis de 1 millón de galegos. Un obxectivo que se cumpriu con cinco meses de adianto e que a finais de 2013 alcanzará a metade da poboación galega (1,4 millóns de persoas).

En total, serán máis de 200 núcleos de toda a Comunidade os que teñan acceso a estas infraestruturas que permitirán desenvolver modelos de negocio máis eficaces e eficientes, novas formas de producir e comercializar produtos e servizos e diferentes xeitos de comunicación entre cidadanía, empresas e administracións.