O plan de banda larga da Xunta e o operador R cumprirán este ano o obxectivo de conectar a redes de ata 350mbps a 14 polígonos da provincia de Lugo

Venres 16 de Febreiro de 2018

O plan de banda larga da Xunta e o operador R cumprirán este ano o obxectivo de conectar a redes de ata 350mbps a 14 polígonos da provincia de Lugo

> O Plan, impulsado pola Amtega, chegará durante 2018 a 9 superficies luguesas tras activar o servizo noutras 5 entre 2016 e 2017

> Unha vez completado o Plan, o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps

> Como complemento a esta actuación, a Xunta abriu no ano 2017 unha convocatoria de axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural

> Ademais, a Amtega lanzou unha convocatoria de axudas a operadores para estender internet de alta velocidade en núcleos de menos de 150 habitantes

 

O Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a outros 9 polígonos lugueses, acadando así un total de 14 superficies empresariais da provincia con redes ultrarrápidas. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

As actuacións do Plan comezaron en agosto 2016 e ao remate de 2017 había 5 polígonos da provincia con este servizo de banda larga ultrarrápida. Unha vez completado o Plan o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100Mbps.

Ademais, como complemento a esta actuación, a Amtega abriu en  2017 unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural. Destináronse un total de preto de 400.000 euros á subvencionar solucións específicas a máis de 30 empresas que agora dispoñen de velocidades de acceso a internet de entre 50Mbps e  350Mbps.

350Mbps e servizos R de valor engadido

As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.

Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.

E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON...), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R

Prazos e orzamento

O Plan xa completou o despregamento 51 polígonos da Comunidade e este ano chegará aos 30 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que  concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs.

A Amtega subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Axudas para núcleos de poboación do rural

Tras as dúas primeiras actuacións orientadas a mellorar a conectividade no tecido empresarial, a Amtega puxo en marcha o pasado 15 de xaneiro a terceira actuación para  facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.

Onte, xoves 15 de febreiro, pechábase o prazo de presentación de solicitudes para acceder a esta liña de axudas cun importe total de 14,2 millóns de euros, dirixida a operadores de telecomunicacións para facilitar o acceso a internet de cando menos 100Mbps en núcleos de menos de 150 habitantes.

Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes.

As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.

A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias xa en marcha e as que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).  
 

POLÍGONOS QUE SE CUBRIRÁN CO PDBL2020

CONCELLO

POLÍGONO

DATA  COBERTURA

BEGONTE

ÁREA INDUSTRIAL DE CARRAL

Cuberto

LOURENZA

PARQUE EMPRESARIAL DE LOURENZÁ

Cuberto

MONDOÑEDO

PARQUE EMPRESARIAL DE MONDOÑEDO

Cuberto

OUTEIRO DE REI

PARQUE EMPRESARIAL DE OUTEIRO DE REI

Cuberto

RIBADEO

POLÍGONO INDUSTRIAL DE RIBADEO

Cuberto

CHANTADA

POLÍGONO INDUSTRIAL DE OS ACIVROS

Previsto 2018

GUITIRIZ

PARQUE EMPRESARIAL DE GUITIRIZ

Previsto 2018

LUGO

POLÍGONO INDUSTRIAL A LOUZANETA

Previsto 2018

MONFORTE DE LEMOS

PORTO SECO DE MONFORTE

Previsto 2018

MONFORTE DE LEMOS

POLÍGONO INDUSTRIAL DE REBOREDO

Previsto 2018

MONTERROSO

PARQUE EMPRESARIAL DE MONTERROSO

         Previsto 2018

PALAS DE REI

PARQUE EMPRESARIAL DE PALAS DE REI

         Previsto 2018

SARRIA

POLÍGONO INDUSTRIAL DE O MORELLE

Previsto 2018

SARRIA

PARQUE EMPRESARIAL SAN XULIÁN DE VEIGA

Previsto 2018