O operador Orange garante á Xunta que cumprirá o obxectivo de dotar de conexións de máis de 100mbps a 811 centros educativos públicos de Primaria e Secundaria

Martes 20 de Marzo de 2018

O operador Orange garante á Xunta que cumprirá o obxectivo de dotar de conexións de máis de 100mbps a 811 centros educativos públicos de Primaria e Secundaria

• O conselleiro delegado de Orange, o operador adxudicatario da iniciativa “Escolas Conectadas”, reuniuse hoxe co presidente da Xunta para dar conta da evolución do proxecto

• Esta medida, sumada ás realizadas pola Xunta, permitirá que o 100% dos máis 1.200 centros de primaria e secundaria galegos teñan conexións ultrarrápidas

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibiu hoxe ao conselleiro delegado de Orange España, Laurent Paillassot, quen lle explicou o estado dos traballos para dotar de conexións ultrarrápidas a máis de 800 sedes de centros educativos públicos de primaria e secundaria de Galicia.

Este era o obxectivo da iniciativa Escolas Conectadas, da que Orange resultou adxudicatario e que se desenvolve na Comunidade grazas á colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Ministerio de Educación, Cultura Deporte e Red.es, a entidade estatal responsable da licitación.

Esta actuación, sumada as que xa tiña en marcha a Administración autonómica, posibilitará que o 100% das sedes dos centros públicos de primaria e secundaria da Comunidade, máis de 1.200, dispoñan de redes ultrarrápidas.

Ata 500 Mbps de velocidade

Laurent Paillassot trasladoulle ao presidente da Xunta que están abordando a fase final do proxecto, que prevé completar en abril os traballos nos últimos 22 centros –dun total de 811-.O 63% destes centros disporán de velocidades de 500 Mbps e o 37% restante de 150Mbps. Ademais, Orange proporcionará wifi a 400 centros e a Xunta a outros 400. O investimento público destas actuacións xunto co custe do mantemento das liñas supoñen un orzamento de 19,7 millóns de euros.

A Xunta farase cargo do mantemento das liñas, unha vez que se complete a fase de validación dos centros, que garante que as velocidades de conexión son as estipuladas nos pregos. Esta fase non se completará previsiblemente ata despois do verán. Desde a Xunta trasladóuselle a operador a necesidade de acurtar os tempos de resposta ante as posibles incidencias técnicas nas conexións.

Investimentos de Orange na Comunidade

Por outra banda, Laurent Paillassot avanzou ao presidente galego os obxectivos da súa compañía en Galicia. O conselleiro delegado do operador sinalou que a finais de 2019 a compañía terá investido en Galicia máis de 92,5 millóns de euros no despregamento da súa rede de na comunidade, acadando unha cobertura aproximada do 53% sobre o conxunto de vivendas principais da Comunidade galega, distribuídas en 40 municipios.

De forma paralela á construción desta rede de fibra, Orange destinou ata o momento 202 millóns de euros para despregar a tecnoloxía móbil 4G na Galicia, aos que se sumarán outros 5,3 millóns máis este mesmo ano para completar o despregamento destas redes.