O Observatorio para a Sociedade da Información da Amtega publicará este ano o primeiro estudo sobre Ciberseguridade nos fogares galegos

Mércores 31 de Maio de 2017

O Observatorio para a Sociedade da Información da Amtega publicará este ano o primeiro estudo sobre Ciberseguridade nos fogares galegos

É un dos obxectivos do Plan de Traballo 2017 que se presentou hoxe no Pleno do Observatorio
Tamén se deu a coñecer un breve balance da situación da Sociedade da Información en Galicia, en base aos últimos datos do Osimga
No período 2012-2015 a contratación de Internet mediante banda larga en Galicia creceu un 34,5% fronte ao 16,6% en España e ao 11,1% da UE
O tecido empresarial galego incrementou o investimento en TIC un 22,5% no último ano
A directora da Amtega deu conta tamén dos dous primeiros anos de execución da Axenda Dixital de Galicia 2020, nos que se mobilizaron máis de 320 millóns de euros entre capital público e privado

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presidiu hoxe en Santiago o Pleno do Observatorio para a Sociedade da Información (Osimga), no que deu conta do Plan de Traballo do Osimga para 2017, fixo balance da situación da Sociedade da Información en Galicia, en base aos últimos datos do Observatorio e avanzou as actuacións dos dous primeiros anos de execución das medidas da Axenda Dixital de Galicia 2020.

Ademais de realizar novos informes de carácter xeral sobre a penetración das TIC en fogares, empresas, sector TIC e Administración, o Observatorio abrirá este ano novas liñas de estudo. Unha das novidades será a elaboración do primeiro estudo sobre “Ciberseguridade e Confianza Dixital nos fogares galegos”. O obxectivo deste informe é analizar o coñecemento especializado en materia de ciberseguridade, coa finalidade de advertir dos riscos existentes na navegación e usos de Internet e favorecer a implantación de medidas de seguridade por parte da cidadanía.

Outra das novas liñas de traballo será a elaboración do estudo temático “Perfil sociodemográfico dos internautas galegos”, que permitirá coñecer os factores que poden incidir na evolución do uso das tecnoloxías na poboación galega e maximizar o impacto das políticas públicas neste ámbito.

Ademais no marco de colaboración con outras entidades, como a Unidade de Muller e Ciencia, elaborarase unha nova edición dos informes sobre o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero e a situación das mulleres no sector TIC. Co fin de contribuír á avaliación do Plan Estratéxico da Xuventude, darase continuidade ao estudo temático sobre A Mocidade e as TIC. No marco do Plan de Software Libre, o Osimga realizará novas vagas de estudos temáticos en 3 ámbitos: O Software libre nas empresas, no sector TIC e nos concellos.

Máis de 100.000 visitas ao portal do OSIMGA

No transcurso do Pleno tamén se fixo balance das actuacións do OSIMGA durante 2016, destacando que o Observatorio cumpriu cos compromisos asumidos no Plan Galego de Estatística 2012-2016 e, concretamente no seu Programa Anual de desenvolvemento, correspondente ao ano 2016.

No ano 2016, o portal web do OSIMGA recibiu 115.854 visitas, un 10,4% máis que o ano anterior, e o número medio mensual de visitas á web do OSIMGA situouse en 9.655 visitas.

Situación da Sociedade de Información en Galicia

No Pleno tamén se presentou un breve balance da situación da Sociedade da Información en Galicia, en base aos últimos datos do Observatorio. No período 2012-2015 a contratación de Internet mediante banda larga en Galicia creceu porcentualmente un 34,5% fronte ao 16,6% en España e ao 11,1% na Unión Europea. Este incremento permitiu que en catro anos Galicia recortase en 7,2 puntos a fenda en contratación de banda larga coa media estatal e en 10,3 puntos coa media europea.

Ademais, a porcentaxe de galegos que obteñen algún tipo de información online das Administracións Públicas é  do 69,1%, cunha vantaxe de 12,3 puntos respecto a España e respecto de Europa, de 20,1 puntos

No que se se refire ao tecido empresarial galego, incrementouse significativamente o seu investimento en TIC. O gasto total das empresas galegas en produtos ou servizos TIC superou os 337 millóns de euros, experimentando un aumento do 22,5% en 2016 con respecto ao ano anterior. O crecemento máis significativo rexistrouse nos gastos en bens TIC das microempresas galegas cun aumento do 45%, pasando de 26 millóns de euros a case 38 millóns de euros.

Balance ADG 2020

A directora da Amtega destacou que no período 2015 – 2016 as actuacións da Axenda Dixital de Galicia 2020 mobilizaron máis de 324 millóns de euros, dos que máis de 51 corresponden a capital privado; conseguindo sentar as bases para dar resposta aos desafíos formulados en torno ás liñas estratéxicas da ADG2020: Valoración da Administración, Énfase na vida Dixital, Aceleración da Economía Dixital, Estímulo ao Crecemento do Sector TIC e Articulación Dixital do Territorio.