Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O novo Centro de Datos da Xunta será o único das administracións españolas en cumprir coas máximas esixencias mundiais de seguridade, reflectidas na certificación Tier 4

• En España hai soamente 5 centros de datos con certificación TIER 4 en deseño e construción e outros 4 que teñen só a de deseño
• O Tier 4 garante unha dispoñibilidade do 99,995 % pola seguridade dos sistemas eléctricos e de refrixeración, e reduce o tempo de inactividade por mantemento a 52,56 minutos ao ano
• O novo Data Center da Xunta, que se atopa en fase de licitación, proporcionará estabilidade e evitará posibles caídas de servizos críticos, como a sanidade ou a educación
• Situado no parque empresarial da Sionlla, ocupará unha superficie de 10.000 metros, nos que albergará tamén unha plataforma loxística para o equipamento tecnolóxico do sector público
• O Data Center será a infraestrutura central na primeira fase da estratexia para o uso da tecnoloxía ‘cloud’ no sector público autonómico, que implicará investimentos de 52,2 millóns de euros ata 2025


O Centro de Datos que a Xunta de Galicia construirá no parque empresarial de Sionlla será o único dunha administración pública española en cumprir coas maiores esixencias mundiais de seguridade, que certifica o Uptime Institute coa cualificación Tier-4.

O proceso de licitación do novo Data Center da Xunta foi aprobado polo Consello de Goberno o pasado 4 de novembro. Esta primeira licitación, que inclúe a realización do proxecto, a dirección de obra e a realización de probas, implicará un investimento estimado de máis de 1,9 millóns de euros. O orzamento total será de 19,2 millóns de euros, incluíndo a construción e a compra dos terreos, parte deles con cargo aos Fondos Europeos Next Generation.

As certificacións do Uptime Institute están consideradas o estándar globalmente recoñecido para a fiabilidade e o desempeño xeral dos centros de datos. Actualmente hai máis de 2.012 certificacións emitidas en 109 países, que van dende o primeiro nivel (Tier-1) ata o máis esixente (Tier-4).

O que miden os Tier é o tempo de dispoñibilidade dun Centro de Procesamento de datos (CPD). A avaliación refírese, fundamentalmente, aos aspectos relacionados coa subministración eléctrica e cos sistemas de refrixeración. Así, nun Tier 1 as instalación non dispoñen de compoñentes redundantes na distribución eléctrica e de refrixeración, polo que perderán a súa capacidade de operación ante un fallo de calquera delas. A dispoñibilidade, neste caso, é dun 99,671%, e o tempo en que se mantén inactivo para o mantemento anual é de 28,82 horas.

No caso da Certificación Tier-4, que é que terá o novo Data Center da Xunta, a cualificación é de “Centro de datos tolerante aos fallos”, polo que pode soportar os fallos de calquera dos seus compoñentes que inhabilite a subministración eléctrica ou de refrixeración. A dispoñibilidade é dun 99,995% e o tempo de indispoñibilidade para o mantemento ao ano é de 52,56 minutos.

As certificacións Tier poden cualificar o deseño, ou o deseño e a construción, como no caso do Data Center da Xunta. En España hai na actualidade 9 instalacións con certificacións Tier-4, das que 5 dispoñen da dobre certificación. Corresponden a centros de datos de grandes corporacións e entidades bancarias.

O nivel de seguridade da nova instalación aportará estabilidade na prestación de servizos públicos críticos, xa que conterá toda a información que se almacena no CPDI do Gaiás. Deste xeito, evitará que se poidan producir caídas que afecten a servizos como a Sanidade ou a Educación.

Esta nova infraestrutura permitirá duplicar as capacidades de procesamento e almacenamento de datos actuais e estará dimensionada para xestionar o incremento de novos servizos dixitais. O Data Center traballará en sincronía co CPD albergado no Gaiás e reforzará os mecanismos de seguridade, dispoñibilidade e custodia dos datos de todo os sector publico autonómico, incluído o Sergas.

Todos os sistemas críticos estarán deseñados para poder ser illados e mantidos sen perda de servizo e contará con acometidas redundantes de electricidade e comunicacións.

O novo Data Center terá unha superficie de 10.000 metros cadrados e albergará tamén un plataforma loxística conectada cos centros de provisión para xestionar o equipamento tecnolóxico do sector público autonómico. O novo edifico disporá de salas para persoal técnico de administración dos sistemas e infraestruturas do CPD.

A Xunta dispón actualmente dun Centro de Proceso de Datos Integral no Gaiás cunha superficie de 1.275 metros cadrados, que alberga 2.500 servidores cunha capacidade de almacenamento de 13 petabytes. A súa posta en marcha en 2012 supuxo un fito tecnolóxico na Comunidade que permitiu modernizar, racionalizar e homoxeneizar a prestación dos distintos servizos dixitais ós cidadáns

O CPDI do Gaiás conta cun CPD de respaldo en San Caetano para permitir o mantemento de servizos críticos en caso de incidencias. Sen embargo este CPD de respaldo está ao límite da súa capacidade para albergar novos sistemas tecnolóxicos, carece de posibilidades de ampliación e a maioría das súas infraestruturas eléctricas e de climatización están próximas ao fin da súa vida útil.

Por esta razón é preciso incrementar os mecanismos de seguridade e redundancia que aseguren a dispoñibilidade dos servizos dixitais prestados pola Administración as 24 horas do día, os sete días da semana.

Está previsto que a entrega do proxecto de obra se faga no segundo trimestre de 2022. O seguinte paso sería licitación da obra prevista para finais do 2022 co obxectivo de que de que se completase a construción do centro entre 2022 e 2024.

Estratexia Cloud no Sector Público Autonómico 2022-2025
O Data Center da Sionlla será a infraestrutura central da primeira fase da Estratexia para o uso da tecnoloxía ‘cloud’ no sector público autonómico. Esta estratexia implicará investimentos por un importe estimado de 52,2 millóns de euros.

Na primeira fase, a Estratexia contempla a implantación dunha ‘cloud’ privada no Clúster Data Centers Gaiás Sionlla. Para a súa posta en marcha, o Consello de Goberno da Xunta aprobou o 16 de decembro o acordo marco para o servizo de actualización tecnolóxica de software de virtualización de servidor e da subministración de licenzas para creación dunha ‘cloud’ privada da Xunta de Galicia. O valor estimado deste acordo marco é de preto de 10,3 millóns de euros.

Nunha segunda fase, no primeiro trimestre de 2022 aprobarase un novo contrato marco para crear un modelo de consumo de servizos de ‘cloud’ pública, que poderán contratar as administracións públicas. Nese caso, o valor estimado será doutros 10 millóns de euros.

Ademais, a Estratexia Cloud da Xunta tamén busca atraer investimentos de provedores ‘cloud’ o que se fomentará a localización en Galicia de nodos de interconexión cos grandes provedores de ‘cloud’ pública.

Con este mesmo obxectivo estase a elaborar una análise de viabilidade para a posible posta en marcha dunha estación de amarre de cable submarino de fibra óptica cun punto de xestión neutro en Galicia.

Estratexia EDG2030
O reforzo das infraestruturas dixitais é fundamental para consolidar un goberno intelixente, un dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030 que contempla diferentes actuacións ofrecer máis servizos públicos dixitais, inclusivos, proactivos, personalizados e seguros, máis accesibles e dispoñibles e desde calquera lugar, configurando unha Xunta no móbil. Entre os obxectivos intermedios neste ámbito a EDG está acadar no 2025 que o 70% das persoas e o 85% das microempresas usen a canle dixital coas administracións.