Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O nodo de interoperabilidade da Xunta posibilitará en 2015 un aforro de máis de 5 millóns de euros en cargas administrativas a cidadáns e empresas

Pasaxe! permite o intercambio de información entre as administracións estatal, autonómica e local e evita presentar documentos que consten en poder destas.

En 2014 incorporáronse na plataforma ata 30 tipos de certificados distintos.

Porase á disposición das entidades locais dentro do catálogo de servizos dixitais que se ofrecerá aos consellos.

Ademais, a Xunta porá en marcha este ano o sistema de notificacións electrónicas que substituirá o correo certificado coas mesmas garantías legais e de seguridade.

O Consello aprobou o proxecto de Decreto que establece a creación da comisión interdepartamental que se ocupará da aplicación da Administración electrónica de xeito homoxéneo.

No marco do Plan de modernización da Administración autonómica, a Xunta impulsará os servizos dispoñibles no nodo de interoperabilidade Pasaxe! co obxectivo de acadar o millón de consultas en 2015, o que posibilitará un aforro de 5 millóns de euros pola redución de cargas administrativas. Ademais, este ano porase en marcha o sistema de notificacións electrónicas Notific@, que substituirá as comunicacións certificadas por correo ordinario coas mesmas garantías legais, de seguridade e confidencialidade.

Pasaxe! é a plataforma tecnolóxica que permite o intercambio de información entre as administracións autonómica, estatal e local evitando ao cidadán achegar documentación que xa está en poder das administracións públicas. Cúmprese así coas obrigas establecidas na Lei 11/2007, do 22 xuño, de acceso electrónico dos cidadás aos servizos públicos.

Pasaxe! entrou en funcionamento con catro procedementos, os existentes ata agora no portal de interoperabilidade que a Xunta puxo en marcha en 2010 para os seus departamentos, e que nos últimos tres anos evitou aos cidadáns a presentación de máis de 680.000 copias de documentos ou certificados de identidade, residencia e catastro. As consultas a este portal supuxeron un aforro por redución de cargas administrativas de máis de 780.000 euros.

A estes servizos, Pasaxe! incorporou 15 máis e ao longo do ano acadaranse un total de 30 como o imposto de actividades económicas, o título de familia numerosa, títulos universitarios e non universitarios ou o certificado de discapacidade, entre outros. Coa incorporación dos novos servizos a previsión é aumentar nun 300% o número de consultas polo que se acadará o millón en 2015. Ademais, a Xunta porá á disposición dos concellos o nodo de interoperabilidade, o que lles permitirá acceder aos servizos de interoperabilidade da Administración xeral do Estado.

Notific@
Este ano entra tamén en funcionamento Notifica@, o servizo de notificacións electrónicas que permite o envío e recepción de notificacións nunha caixa de correo persoal de forma segura e confidencial. Nos vindeiros meses habilitarase esta canle e o obxectivo é incorporar a notificación electrónica en polo menos 20 procedementos no ano 2015.

Deste xeito Notific@ substituirá o sistema tradicional de notificacións postais naqueles casos en que o cidadán o exprese voluntariamente. Calquera persoa física ou xurídica poderá dispor deste sistema de enderezo electrónico habilitado asociado ao seu NIF, no que recibirá as notificacións dos procedementos a que se subscriba. É un servizo gratuíto que só require dispoñer de calquera dos certificados dixitais habilitados na sede electrónica da Xunta.

Ademais, a implantación do servizo de notificacións electrónicas suporá un aforro directo aproximado de 3 euros unitarios segundo estimacións realizadas por diversas administracións entre as cales se atopan o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e a Axencia Tributaria.

Notific@ foi concibido para converterse no sistema de notificacións electrónicas de Galicia, é dicir, un punto único en que os cidadáns reciban as comunicacións das diferentes administracións públicas galegas. Ao longo deste ano elaborarase un plan de despregamento específico para incorporar paulatinamente os concellos e os seus procedementos.

Decreto
O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de Decreto que regula os órganos colexiados con competencias en seguridade e goberno electrónico, que establece a creación dunha comisión interdepartamental que se ocupará das medidas administrativas, organizativas e tecnolóxicas para a aplicación da Administración electrónica de xeito homoxéneo e integrado en todos os departamentos autonómicos.

Entre as súas competencias estará a de propoñer e aprobar as políticas, plans de acción, directrices e normas internas relativas á seguridade da información na Xunta de Galicia para dar cumprimento ao requirido polo Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica e por suposto á normativa de protección de datos persoais.

Trátase de crear as condicións necesarias para a confianza no uso dos medios electrónicos, a través de medidas para garantir a seguridade dos sistemas, os datos, as comunicacións, e os servizos electrónicos, que permita o exercicio de dereitos e o cumprimento de deberes a través destes medios. Cada vez son maiores os riscos de seguridade no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, polo que é necesario establecer actuacións para atallalos tanto no ámbito técnico como en aspectos organizativos, de formación e concienciación.