O DOG pulica hoxe a Lei de Administración Dixital de Galicia que busca consolidar unha administración dixital, máis accesible e proactiva

Venres 26 de Xullo de 2019

O DOG pulica hoxe a Lei de Administración Dixital de Galicia que busca consolidar unha administración dixital, máis accesible e proactiva

• Galicia acada un marco normativo único para universalizar o uso e o acceso aos servizos públicos dixitais
• Os primeiros desenvolvementos normativos deste Lei serán os relativos á automatización de prazo por incidencias técnicas, ao rexistro electrónico de apoderamentos e á concreción do marco galego de competencias dixitais
• Para achegar a administración dixital a todo o mundo a Lei contempla a transformación das Oficinas de rexistro en espazos de atención á cidadanía para a xestión online e a figura do funcionario habilitado, que poderá realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa
• Regula a infraestrutura dixital da Administración autonómica e garante a seguridade, continuidade e dispoñibilidade dos servizos públicos
• Incorpora a configuración dixital de procedementos e servizos para que teñan un funcionamento plenamente electrónico

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe á Lei da Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), o marco xurídico para consolidar unha administración integramente dixital e universalizar e seu uso e acceso a toda a cidadanía. Os primeiros desenvolvementos normativos deste Lei serán os relativos á automatización de prazo por incidencias técnicas, ao rexistro electrónico de apoderamentos e á concreción do marco galego de competencias dixitais.

A lei, que entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación, adapta á realidade do sector público autonómico as obrigas das leis estatais 39 e 40/2015 e aséntase en tres principios; só unha vez, evitando reclamar datos que xa obran en poder da Administración; a proactividade, empregar a información que a Administración ten o cidadán para prestar servizos personalizados e adiantarse ás súas necesidades; e a automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente.

Oficinas de atención á cidadanía e funcionario habilitado

Entre as principais novidades da Lei está a transformación das actuais oficinas de Rexistro en espazos de asesoramento e apoio, nos que prestará asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos e solicitudes como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación. Precisamente, a creación dun rexistro de apoderamentos será un dos primeiros desenvolvementos normativos da Lei,   que permitirá que unha persoa autorizada poida facer trámites telémáticos en representación doutra.

Nesta liña, a Lei tamén establece a posta en marcha da figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poda realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa.

A sede electrónica e a carpeta do cidadá

A lei consolida a sede electrónica da Xunta como o punto de acceso único, sinxelo e accesible na rede a calquera recurso ou servizo da Administración. A lei dá especial relevancia a carpeta do cidadá, na que poden xestionar online toda a información referente aos seus trámites administrativos e consultar o estado dos mesmos con todas as garantías de seguridade. En base a esta información a Administración poderá prestar servizos personalizados e proactivos, evitando a reclamar a petición daquela documentación que xa consta na carpeta do cidadán.

En relación coa tramitación online, un dos primeiros desenvolvementos normativos desta Lei será a tramitación do Decreto de ampliación automática de prazos, que garantirá a ampliación do prazo daqueles procedementos que se vexan afectados por unha incidencia técnica durante a súa xestión.

Capacitación dixital

A norma define, por primeira vez, a creación dun marco galego de competencias dixitais, tomando como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia, para que os cidadáns poidan acreditar os seus coñecementos dixitais e mellorar as súas competencias profesionais. Ademais, promoverase a inclusión dixital con actuacións de formación en función do nivel (alfabetización, capacitación e innovación dixital), na que a Rede de Aulas CeMIT constituirá un instrumento de apio importante.

Así mesmo, a lei contempla a definición dun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais.

Estase a traballar na concreción deste marco de competencias dixitais, que se prevé que estea regulado no 2020.

Posto de traballo dixital

Senta as bases para o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público, coa dotación de medios para a realización do desempeño no novo contexto dixital, acceso remoto ou teletraballo, mobilidade, que deberá permitir: o uso de escritorios e aplicacións corporativas en calquera dispositivo e lugar; o emprego de terminais ou dispositivos adaptados aos perfís dos empregados públicos; e posibilitar contornas de traballo colaborativas e a creación de redes de usuarios con actividades comúns.

Regulación para o funcionamento dixital interno

A lei regula o Arquivo Electrónico Administrativo como como o elemento que albergará todos os expedientes do sector público autonómico en tramitación e os finalizados e a plataforma de interoperabilidade pasaXe! como o nodo para o intercambio de datos e documentos entre administracións públicas.

Entre as novidades que incorpora a lei está a configuración dixital de procedementos administrativos e servizos para que teñan un funcionamento plenamente electrónico e ofrecer aos cidadáns uns servizos homoxéneos, personalizados e fáciles de utilizar. As directrices, de obrigado cumprimento, recóllense nas Guías para a habilitación electrónica de procedementos e servizos.

Infraestrutura dixital

Establece que o Centro de Proceso de Datos (CPDI) e a rede corporativa da Xunta constitúen infraestrutura dixital básica necesaria para dar soporte á administración dixital, que deberán asegurar a prestación de todos os servizos dixitais a nivel de posto de traballo.

A Lei establece que a Xunta disporá dun Plan de continuidade dos servizos dixitais, que determinará os requisitos de seguridade, calidade e continuidade, as accións preventivas, correctivas e reactivas e o establecemento de responsabilidades que permitan garantir a dispoñibilidade dos servizos dixitais.