Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O DOG publica hoxe o decreto que regula a implantación e o desenvolvemento da administración electrónica

A Administración autonómica contará cun Rexistro Electrónico único que funcionará as 24 horas do día os 365 días do ano

A edición electrónica do DOG substituirá á versión en papel garantindo un servizo público universal de consulta gratuíta e de libre acceso a través da Rede

Foméntase a cooperación interadministrativa para axilizar trámites e evitar que os usuarios teñen que reenviar documentos que xa obren en poder doutra administración

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto que establece o marco de desenvolvemento da administración electrónica na Administración pública galega. O obxectivo final é garantir aos cidadáns a posibilidade de relacionarse telemáticamente coas administracións públicas aforrando custes e tempo evitando e independentemente do lugar onde vivan e do nivel administrativo desde o que inicien a tramitación (entidade local, provincial, autonómica…). Trátase de conseguir unha administración, máis transparente e aberta aos cidadáns as 24 horas os 365 días do ano

Estrutura e ámbito de aplicación

O decreto consta de 40 artigos, agrupados en 9 que teñen por obxecto regular o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos, a tramitación tramitación telemática, a creación e regulación da sede electrónica, a creación da edición electrónica do Diario Oficial de Galicia e do rexistro electrónico e o establecemento de infraestruturas e servizos de interoperabilidade.

O decreto, que foi aprobado o pasado día 2 de decembro polo Consello da Xunta, aplicarase a todos os órganos e unidades da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Coa aprobación desta normativa o Goberno galego comprométese a implantar progresivamente o uso dos medios electrónicos nas comunicacións, trámites e prestacións de servizos cos cidadáns así como na súas comunicacións internas e con outras administracións públicas e institucións.

Sede electrónica

O decreto establece que a sede electrónica da Xunta de Galicia estará ubicada na direcciónhttps://sede.xunta.es así como a través do portal www.xunta.es. A sede electrónica é o enderezo electrónico, a través do que os cidadáns acceden á información, servizos e trámites electrónicos. Representa unha fonte de información auténtica nas que a Xunta garante a integridade, veracidade e actualización da información e os servizos aos que se pode acceder.

DOG

Entre os contidos, que por regulamentación legal deben estar accesibles ao cidadán, estará a edición electrónica do Diario Oficial de Galicia, que substituirá á edición impresa garantindo os mesmos efectos atribuídos á versión en papel así como a continuidade e o mantemento do servizo prestado á cidadanía.

Coa creación do DOG electrónico garantirase un servizo público universal, de consulta gratuíta e libre acceso a toda a cidadanía, simplificando os procesos de produción, reducindo o tempo de edición, racionalización do gasto e difusión gratuíta do boletín. A publicación do DOG realizarase na sede electrónica.

Rexistro Electrónico

Os cidadáns tamén poderán acceder a través do portal da Xunta ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia para a recepción e remisión de solicitudes, escritos e comunicacións que se envíen por vía telemática. O Rexistro Electrónico permitirá a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións todos dos días do ano durante as 24 horas do día e terá idénticos efectos que as realizadas outro rexistro público.

Taboleiro electrónico

Así mesmo, está dispoñible na sede electrónica un Taboleiro de anuncios electrónico no que a Xunta de Galicia e os seus organismos dependentes e vinculados notificarán os actos administrativos cando as persoas interesadas nun procedemento sexan descoñecidas, o lugar da notificación non estea correctamente determinado ou non se puidese confirmar a notificación. A publicación de actos e disposicións no Taboleiro terá o mesmo valor que o atribuído á publicación no Diario Oficial de Galicia.

Formas de identificación e autenticación

Para identificarse nas súas relacións telemáticas coa Xunta e os organismos dela dependentes os cidadáns contarán con tres instrumentos ao seu alcance. Por unha banda os sistemas de sinatura electrónica incorporados ao documento nacional de indentidade para as persoas físicas, doutra banda os sistemas de sinatura avanzada admitidos polas administracións públicas que teñen validez para a Xunta e que se especifiquen na sede electrónica. En terceiro lugar, admitirase a utilización de claves concertadas nun rexistro previo como persoa usuaria inscrita no rexistro de funcionarios habilitados pola Xunta de Galicia.

Notificacións e documentos electrónicos

Por outra banda, o Decreto regula tamén a comunicación e a notificación electrónicas así como os requisitos dos documento electrónico, das copias electrónicas, da compulsa e dixitalización electrónicas de documentos e o arquivo da documentación electrónica.

Os certificados administrativos emitiranse preferentemente por medios electrónicos, e substituirán progresivamente aos certificados en soporte de papel, salvo petición expresa do interesado.

Cooperación interadministrativa

O fomento da interoperabilidade tamén está recollido no Decreto que estipula a cooperación interadministrativa en beneficio dos cidadáns e das propias institucións para axilizar trámites e evitar que os usuarios teñen que reenviar documentos que xa obren en poder doutra administración.