Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O DOG publica hoxe o Decreto que regula a certificación de competencias dixitais en ofimática de Galicia

Permitirá á persoa titular acreditar, ante calquera instancia pública ou privada, as súas competencias en tecnoloxías da información e as comunicacións

Establécese un mecanismo normalizado de acreditación dos coñecementos adquiridos en materia informática tanto para persoal da Administración pública como para o resto da cidadanía

Permitirá simplificar o acceso e promoción á función pública eliminando probas nesta materia

Ofrece ás empresas e ás administracións públicas un estándar de referencia á hora de avaliar o nivel de ofimática das persoas empregadas e das que aspiran a un posto de traballo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto que regula o proceso para obter un certificado de competencias dixitais en ofimática. Esta certificación, que será emitida pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, permitirá á persoa titular acreditar, ante calquera instancia pública ou privada, as súas competencias en tecnoloxías da información e as comunicacións, en materia de ofimática.

Con este Decreto, a Administración autonómica establece un mecanismo normalizado de certificación de competencias dixitais en ofimática tanto para persoal das Administracións públicas como para o resto da cidadanía. Ademais, ofrece ás empresas e ás administracións públicas un estándar de referencia á hora de avaliar o nivel de competencia en ofimática das persoas empregadas e das que aspiran a un posto de traballo.

Trátase, en definitiva, de promover a calidade da formación profesional, garantindo a competencia para prestar os seus servizos nun posto de traballo, das persoas que cumpran os requisitos necesarios para obter a certificación.

Simplificación do proceso administrativo 
No caso da Administración este sistema permitirá simplificar o acceso e promoción á función pública eliminando probas para comprobar os coñecementos nesta materia tanto de funcionarios como de opositores. Ademais, contribuirá a fomentar o uso eficiente e eficaz das tecnoloxías da información e as comunicacións na cidadanía galega e no persoal das administración públicas.

A certificación poderase valorar como mérito ou establecer como requisito de participación nos procesos de provisión de postos de traballo ou de selección de persoal e como base obxectiva para a promoción profesional, nos termos que estableza a normativa reguladora da función pública da Xunta de Galicia. O desenvolvemento do decreto abre a posibilidade de establecer nun futuro probas de acceso libre á cidadanía para obter o certificado.

Requisitos para obtención da certificación 
Desde a entrada en vigor do decreto, poderán obter a certificación de competencias dixitais e ofimática as persoas, que acrediten mediante certificado oficial, ter superado os módulos formativos “Ofimática” ou “Tratamento informático da Información” asociados a títulos de formación profesional. Tamén se lles outorgará unha certificación en competencias dixitais en ofimática de Galicia ás persoas que posúan un certificado de superación das actividades do Plan Formativo Ofimático de Galicia que desenvolve a Escola Galega de Administración Pública.

Plan Formativo Ofimático da EGAP
Este plan, que foi elaborado en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e coa participación das Consellerías de Educación, Traballo e a Dirección Xeral da Función Pública, inclúe na modalidade presencial, de teleformación ou por acceso libre as seguintes actividades formativas,: sistema operativo, busca de información, internet/intranet e correo electrónico (30 horas); aplicacións informáticas de tratamento de textos (30 horas); aplicacións informáticas de follas de cálculo (50 horas); aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (50 horas) e aplicacións informáticas para prestacións: gráficas de información (30 horas).

Durante o presente ano, a EGAP ten convocadas para estes cursos 3.500 prazas na modalidade de teleformación destinadas aos empregados públicos da administración autonómica e convocou, neste último trimestre do ano, 1.000 prazas máis para a quenda libre. Mediante este último sistema os alumnos terán que superar un exame das materias que asegure o seu coñecemento.

As solicitudes para obter a certificación presentaranse mediante un formulario electrónico dispoñible na sede electrónica da Xunta.