Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O director xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria afirma que “a empresa que non innove está condeada a morrer”

Ricardo Capilla inaugurou o I Encontro Bilateral de Empresas de Galicia e o Norte de Portugal, que contou con medio cento de participantes dos sectores da biotecnoloxía, as TIC e as enerxías renovables

Empresas, centros tecnolóxicos e asociacións da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal establecen contactos na Tecnópole para proxectos de innovación

O I Encontro Bilateral entre Empresas de Galicia e o Norte de Portugal organizado por Tecnópole –Parque Tecnolóxico de Galicia- puxo hoxe en contacto en Ourense a 51 representantes de 28 empresas, centros tecnolóxicos e asociacións empresariais da Eurorrexión interesados en establecer alianzas para emprender proxectos de innovación transfronteirizos.

A xornada foi inaugurada polo director xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, que afirmou que “a empresa que non innove está condeada a morrer”, ao que engadiu que “este é o mellor momento para que as pemes galegas se embarquen na innovación polas posibilidades que as novas tecnoloxías da información poñen á súa disposición para facer prospectiva e vixilancia tecnolóxica e polas oportunidades de financiamento ás que teñen acceso”. Neste sentido, Capilla insistiu en que Galicia “non pode permitirse renunciar aos 650 millóns de euros que o Fondo Tecnolóxico da Unión Europea ten reservados para a comunidade ata 2013”, en referencia a un instrumento de financiamento da innovación activado en 2007 e do que ata o de agora só se consumiu o 8% por falta de propostas.

O director xeral de I+D+I anunciou que a nova Axencia Galega de Innovación, que xestionará as políticas da Xunta de Galicia neste ámbito a partir deste verán, suporá “un cambio de paradigma nas axudas públicas á innovación, facilitando instrumentos de financiamento máis eficientes e cun maior retorno”, en referencia a que convén adiantarse ao cambio de escenario que suporá o esgotamento dos fondos europeos en 2013. Capilla adiantou que o modelo baseado nas subvencións dará paso a outro centrado nos préstamos, “que teñen un impacto na innovación moito máis intenso”.

Capilla explicou que o novo Plan Galego de Innovación, en fase de elaboración, terá o seu foco principal na empresa, “a única que pode poñer en valor a innovación situando novos produtos e servizos no mercado”, e estará orientado aos resultados, “con métricas de medición dos retornos claras e de aplicación para todos”. Segundo o responsable de I+D+I da Xunta, isto suporá a corrección das principais eivas do actual Plan (o INCITE), “de resultados modestos e pouco orientado á innovación empresarial”.

O director xeral de I+D+I asegurou que nos próximos días será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para que as pemes galegas soliciten a incorporación de profesionais formados pola Consellería de Economía e Industria a cargo da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA). Mediante este programa, medio cento de empresas recibirán axudas para a contratación de técnicos especializados na xestión da innovación, “unha figura á que as estratexias públicas de innovación non están a prestar a atención debida e que a Xunta está a dinamizar porque nela reside a capacidade de darlle un impulso decidido á innovación nas empresas desde dentro”, expuxo Capilla.

A nova política de innovación que está a deseñar a Consellería de Economía e Industria fará tamén fincapé, segundo Capilla, na atracción de talento e na optimización do esforzo investigador, sobre todo no que se refire á Universidade, na que “se incentivará aos grupos que sexan capaces de transferir os seus resultados de investigación á empresa”.

Os participantes tiveron ocasión tamén de coñecer as axudas que o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) ten abertas neste momento para o financiamento de proxectos empresariais. O subdirector de Xestión de Proxectos do organismo, Norberto Penedo, insistiu no programa de apoio á internacionalización, “que viu notablemente incrementada a súa dotación este ano”, e nas axudas de mellora de acceso a circulante para autónomos e pemes, os Plans Re-Solve e Re-Brote.

Sesións sectoriais e reunións de traballo

Logo destas exposicións comezaron as sesións sectoriais, nas que as empresas foron agrupadas por ámbito de actividade (biotecnoloxía, TIC e enerxías renovables) para compartir ideas sobre as oportunidades de colaboración en proxectos de innovación transfronteirizos. Estas sesións paralelas foron coordinadas por técnicas de proxectos da Tecnópole especializadas nestes sectores. Todas elas elaboraran previamente análises DAFO (debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades) sobre estes sectores na Eurorrexión.

En relación ás TIC, comentouse que o sector comezará a recuperarse da crise en España e Portugal a finais de 2010 e que as oportunidades para o desenvolvemento de proxectos conxuntos están nos ámbitos con maior perspectivas de crecemento: a seguridade, a virtualización, o outsourcing, a mobilidade e os netbook.

Na mesa sobre biotecnoloxía púxose de manifesto que as maiores oportunidades para a colaboración transfronteiriza se atopan nos ámbitos da agroalimentación; a medicina e a saúde; e as enerxías e o medio ambiente. Ademais, sinalouse que o gran reto está en explotar mediante a creación de empresas a interesante oferta científico-tecnolóxica existente no ámbito da biotecnoloxía na Eurorrexión.

Polo que se refire ás enerxías renovables, insistiuse na necesidade de aproveitar o marco de expansión existente neste momento e na oportunidade de establecer alianzas empresariais que permitan alcanzar a capacidade necesaria para emprender proxectos ambiciosos nun sector caracterizado na Eurorrexión polo dominio das pemes. Neste sentido, púxose como exemplo o proxecto europeo ER-INNOVA para mellorar a competitividade das pemes enerxéticas de Galicia e o Norte de Portugal do que Tecnópole é xefe de fila.

Logo do xantar terán lugar as reunións empresariais organizadas en función dos intereses manifestados polos participantes arredor da súa oferta e demanda tecnolóxicas. A xornada finalizará cunha conferencia impartida polo presidente da Cámara de Comercio Hispano-Lusa sobre os retos da biotecnoloxía na Península Ibérica.

Da parte galega asisten nove empresas situadas na Tecnópole, tres centros tecnolóxicos, a entidade BIC-Galicia e a unidade de negocio de Banco Santander en Galicia. Desde Portugal chegaron a Associaçao Empresarial de Amarante e 13 empresas, algunhas delas procedentes de Tecmaia (Parque de Ciência e Tecnologia da Maia) e Avepark (Parque de Ciência e Tecnologia de Guimãraes).