Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para dotar de conexión ultrarrápida áreas industriais e centros loxísticos

• O obxectivo desta medida, destinada a operadores, é a cobertura de 68 ámbitos empresariais con redes gigabit
• Está dotada con 4,3 millóns de euros procedentes dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea para a mellora da conectividade
• As solicitudes poderán presentarse ata o próximo 21 de xullo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia
• Esta actuación complementará ás xa realizadas pola Xunta que permitiron dotar de cobertura de 350Mbps ao 93% dos polígonos industriais e ás liñas de axudas para empresas illadas e autónomos, cuxa terceira convocatoria se publicou este ano cun importe de 880.000 euros


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas destinadas a operadores de telecomunicacións para a cobertura de 68 ámbitos empresariais con redes gigabit.

Conta cun orzamento de 4,3 millóns de euros para o período 2022-2023, e os operadores interesados dispoñen de 1 mes de prazo para presentar un ou varios proxectos cunha intensidade de subvención máxima do 80%.

Esta medida enmárcase no investimento C15.I2 do Compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia - Financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Esta é unha das catro medidas predefinidas polo Goberno de España para a mellora da conectividade no territorio, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, a través do cal Galicia recibirá 19,1 millóns de euros para  reforzar a conectividade en áreas empresariais e centros loxísticos; á mellora da conectividade en  centros públicos; á mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios e a axudas 240 euros a colectivos vulnerables para a contratación de servizos de banda larga durante 1 ano.

Esta medida complementará as actuacións da Xunta neste ámbito, que grazas ao Plan de banda larga 2020 completou a dotación de redes de ata 350Mbps no 93 % da superficie empresarial ocupada e facilitou o acceso a redes ultrarrápidas a empresas illadas e autónomos con tres liñas de axudas, a última lanzada este ano cun importe de 880.000 euros.

En total o Estado destinará ás comunidades un 9% dos máis de 4.000 millóns de euros do plan. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital resérvase, polo tanto, o 91 % dos fondos para resolver os problemas de conectividade fixa e sen fíos en todos os territorios e cumprir cos obxectivos que marca Europa. Entre eses obxectivos está o de que o 100 % da poboación teña acceso a banda larga de polo menos 100 Mbps.

A pesar das limitacións nas actuacións definidas, a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, está a dirixirse a todos os concellos da nosa comunidade para colaborar na identificación de centros públicos e áreas empresariais susceptibles de beneficiarse destes fondos.