Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O conselleiro de Educación visita a aula dixital do CEIP Mestre Vide en Ourense

A clase está dotada cun ordenador portátil, encerado dixital interactivo e proxector

Con este tipo de visitas o conselleiro continúa a comprobar de primeira man a situación dos centros educativos

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Mestre Vide, onde comprobou o funcionamento da aula dixital instalada recentemente neste centro, no marco do acordo subscrito entre a Consellería de Educación, a Secretaría Xeral de Modernización e a entidade Red.es, dependente do Ministerio de Industria.

Durante o percorrido polo centro, no que estudan 440 alumnas e alumnos, o conselleiro visitou as instalacións do polideportivo, tras as melloras realizadas no que vai de lexislatura que, unidas a outras reformas no colexio, superaron un investimento de 86.500 euros.

Esta visita, que se enmarca no percorrido que está a realizar para coñecer de primeira man as instalacións dos centros educativos galegos, Vázquez Abad estivo acompañado polo director do centro, Manuel Conde Prol, así como por membros da súa comunidade educativa, o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e a xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira.

Aula dixital

Na súa estancia no centro, o conselleiro comprobou a instalación e funcionamento da aula dixital, composta por un ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e un proxector.

Neste sentido recordou que, ao abeiro do devandito acordo, este curso repartiranse máis de 600 equipos en centros educativos galegos, con prioridade para os de infantil e primaria que nestes momentos conten cun menor equipamento das características antes nomeadas e aqueles que asinen contratos programa.

Ademais Vázquez Abad visitou a biblioteca escolar, que leva recibido da Consellería de Educación 6.550 euros en achegas para a mellora dos seus fondos, material e instalacións, e para o impulso de actividades de fomento da lectura. Neste sentido o conselleiro recordou igualmente o labor realizado polos docentes nas bibliotecas, o que louvou como mostra da súa profesionalidade, contribución imprescindible para a mellora da calidade do sistema educativo galego.