O conselleiro de Educación avoga por unha nova cultura empresarial na que os estudos superiores exerzan un papel esencial

Venres 19 de Novembro de 2010

O conselleiro de Educación avoga por unha nova cultura empresarial na que os estudos superiores exerzan un papel esencial

Xesús Vázquez Abad clausurou hoxe as IV Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial, en Vigo

O encontro, celebrado ao longo desta semana, tivo como obxectivo a difusión formativa e informativa das tecnoloxías de automatización industrial

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, avogou hoxe por “pola necesidade dunha nova Cultura empresarial, na que os estudos superiores exercen un papel tan esencial como imprescindible porque son a espiña dorsal do cambio”. Con estas palabras o titular de Educación da Xunta de Galicia clausurou as IV xornadas sobre tecnoloxías e solucións para a automatización industrial 2010 (JAI´2010), celebrado ao longo desta semana no centro social de Caixanova, en Vigo.

O encontro, organizado pola Universidade de Vigo, a E.T.S. de Enxeñeiros Industriais de Vigo e o departamento de Enxeñería Sistemas e Automática tivo como obxectivo a difusión de conceptos técnicos innovadores relativos ao mundo real da automatización nos procesos industriais.

Así, o conselleiro destacou a importancia das xornadas que hoxe chegan ao seu fin, como mostra da “pegada do extraordinario labor que realiza a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais Pedro Barrié de la Maza”. Tamén dixo que “a innovación, como aposta estratéxica para garantir o futuro, trouxo consigo un cambio de mentalidade que fixo posible a descuberta de novos camiños, novas follas de ruta, novas alternativas... para o noso tecido industrial”.

Vázquez Abad fixo fincapé ademais no valor destas xornadas nos tempos de crise económica que se están a vivir, e recordou que “o Goberno galego mantén o nivel orzamentario actual para o vindeiro ano 2011 nos eidos que afectan e interesan dun xeito directo á Universidade e á capacidade investigadora dos seus campus, cada vez máis vinculados ás empresas emerxentes da nosa terra”.

Ao mesmo tempo destacou que a súa intención e seguir a nesa mesma liña nos próximos anos. “Sobre todo- agregou- en tempos de globalización e incerteza coma os actuais, cando, máis que nunca, as empresas necesitan un esforzo financeiro capaz de promover e crear profesionais polivalentes, investigadores e homes e mulleres de empresa, persoas capaces de se adaptaren a escenarios que en ocasións mudan dun xeito vertixinoso”.

A temática do encontro

O congreso supuxo unha oportunidade para que as alumnas e alumnas, docentes e profesionais renovasen os seus coñecementos nas disciplinas de enxeñaría, ao tempo que coñecían de primeira man as tecnoloxías, solucións e tendencias máis modernas no ámbito da automatización e enxeñaría de procesos industriais.
Así ao longo destes días en Vigo reuníronse técnicos responsables de produtos de empresas multinacionais fabricantes de solucións industriais, que son líderes de recoñecido prestixio na eurorrexión, os que, cos seus relatorios, ofreceron unha visión xeral das necesidades e tendencias desta industria nos diferentes ámbitos.
Estas xornadas incluíron ponencias sobre as modernas aplicacións da robótica industrial, acerca de tecnoloxías de workflow e mobilidade aplicadas á loxística industrial, entre outras materias.

As xornadas, que se puideron seguir en directo a través da televisión universitaria uvigo.tv, contaron coa asistencia de alumnado procedente das Universidades e centros de Formación Profesional da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e Iberoamérica.