Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O conselleiro de Cultura e Educación comproba a posta en marcha da iniciativa dos contratos-programa no IES Lamas de Abade

O centro desenvolve a liña de reforzo, orientación e apoio para potenciar a aprendizaxe e rendemento do alumnado

A Consellería investiu no que vai de lexislatura máis de 159.000 euros para a mellora das instalacións deste instituto

O conselleiro de cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, deu hoxe conta da posta en marcha do contrato-programa asinado entre o IES Lamas de abade (Santiago de Compostela). Ademais o conselleiro aproveitou o seu percorrido polo centro, no que estudan 823 alumnas e alumnos, para visitar as 4 aulas Abalar nel instaladas, así como para comprobar o estado das instalacións tras as melloras realizadas no instituto no que vai de lexislatura, que supuxeron un investimento superior aos 159.000 euros.

Vázquez Abad destacou o traballo realizado por este instituto para realizar unha autoavaliación e presentar un proxecto de mellora da calidade educativa que vén de asinar como contrato-programa coa Consellería; do que se beneficiarán 11 alumnas e alumnos do primeiro ciclo da ESO e do que participarán 1 profesor e 1 profesor acompañante. En concreto, o centro compostelán desenvolverá a primeira das liñas contempladas na iniciativa de contratos-programa, a de reforzo, a orientación e o apoio, co fin de mellorar as accións que se viñan desenvolvendo ao abeiro do programa de reforzo, orientación e apoio (PROA), dándolles maior relevancia ás accións dirixidas á mellora dos resultados académicos do alumnado con desvantaxe socioeducativa.

Cómpre destacar que cos contratos-programa permanecen as dúas liñas de acción do PROA. Este centro en concreto desenvolve a modalidade de acompañamento escolar fóra do horario lectivo, dirixido ao alumnado que presenta dificultades e problemas de aprendizaxe, así como a aquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural no que se desenvolve. O obxectivo é potenciar a aprendizaxe e o rendemento deste alumnado mediante a adquisición de hábitos de organización e constancia no traballo, o alento ao estudo, a mellora da súa integración, e o fornecemento dos coñecementos e das destrezas nas áreas instrumentais.

Programas punteiros
Durante o seu percorrido polo centro, Vázquez Abad salientou o apoio que a Consellería mantén ao impulso da Formación Profesional, e que se ten materializado neste centro a través da mellora das instalacións para a impartición dos ciclos formativos, nomeadamente a construción dun taller para o de Emerxencias Sanitarias e a mellor das aulas do ciclo formativo de estética. “Estes traballos, unidos a outras reformas executadas no centro no que vai de lexislatura, supuxeron unha achega superior aos 159.000 euros, que dan conta do noso compromiso con este centro”, dixo.

“Estamos a falar dun instituto –explicou- que traballa ademais arreo para poder participar dos programas máis punteiros desenvolvidos pola Consellería. De feito forma parte do Proxecto Abalar, con 4 aulas dixitais das que se benefician 70 estudantes, que contan con cadanseu ordenador ultraportátil”, ademais do encerado dixital, o ordenador para o profesor e o carriño de carga que compoñen o lote. Este instituto leva tamén leva recibidos 4.500 euros para a mellora da súa biblioteca escolar, e conta con servizo de transporte escolar, que supón unha achega por parte da Consellería de máis de 160.000 euros para este curso.