Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia recoñece 2014.gal como a mellor iniciativa da administración no 2010

A través da Axenda Dixital o Goberno galego impulsa un cambio do actual modelo produtivo no que as novas tecnoloxías teñen un papel clave

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, recollerá hoxe o premio á Iniciativa da Administración que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CEIPG) concedeu a 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, a estratexia tecnolóxica global da Xunta de Galicia. O acto desenvolverase no marco da II Noite da Enxeñaría de Galicia que o CEIPG celebrará en Santiago de Compostela.

Con este galardón o organismo profesional, que suma preto de 300 colexiados, recoñece a elaboración dunha estratexia tecnolóxica que formaba parte dos compromisos do actual goberno e que establece os pasos para converxer coa estratexia global europea nesta materia no horizonte do 2014, sen perder de vista o actual marco de austeridade e contención do gasto.

2014.gal contempla cinco obxectivos estratéxicos: a modernización da Administración para facela máis eficiente, eficaz e próxima á sociedade; a competencia dixital dos cidadáns como base para o emprego de calidade; o cambio profundo, a través do uso do TIC, do modelo produtivo; a transformación e articulación dos axentes do sector TIC para convertelo en sector estratéxico de futuro e tractor do resto de sectores chave para Galicia e o despregamento de infraestruturas de telecomunicación para a vertebración territorial.

Cun orzamento público de preto de máis de 900 millóns de euros, na Axenda Dixital de Galicia integraranse tamén os esforzos privados, que se estiman na orde de 700 millóns de euros, fundamentalmente no despregamento de novas infraestruturas de telecomunicación. En total o esforzo conxunto destinado ao desenvolvemento da sociedade da información achegarase aos 1.600 millóns de euros

Premios
Por segundo ano consecutivo, o CPEIG outorga os seus premios dentro da II Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. A través de distintas categorías, os colexiados e colexiadas recoñecen aquelas iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.

As categorías que premia o Colexio son o Proxecto Fin de Carreira, que busca ser un estímulo para os estudantes e é o único con dotación económica; o Proxecto Innovador que recaeu na factura electrónica da Consellería de Facenda; o de Traxectoria Profesional, que o Colexio outorgou a Pablo Santos Luaces, conselleiro delegado e fundador de Códice Software; a Iniciativa Empresarial concedido ao Clúster Tic de Galicia; e a Iniciativa da Administración coa que se recoñeceu a 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, a estratexia tecnolóxica global da Xunta de Galicia.