O Centro Multimedia de Galicia acollerá mañá un curso para instaladores da TDT vía satélite

Xoves 11 de Febreiro de 2010

O Centro Multimedia de Galicia acollerá mañá un curso para instaladores da TDT vía satélite

A xornada poderá seguirse a través de videoconferencia desde os Telecentros de Comunicación de Lugo, Allariz, A Coruña e o da ETSET de Vigo.

O Centro Multimedia de Galicia (CMG), dependente da Secretaría Xeral de Medios, acollerá mañá, venres 12 de febreiro, un curso para instaladores da Televisión Dixital Terrestre vía satélite (SAT-TDT). Esta xornada poderá ser seguida a través de videoconferencia nos Telecentros de Comunicación (TC) de Lugo, Allariz, A Coruña, situado na Biblioteca Pública Miguel González Garcés (BPMGG), e no da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións (ETSET) de Vigo.

En total, para estes cursos disporase de 142 prazas: 40 na Sala Audiovisual Access Grid do CMG, en Santiago; outras tantas na Sala Multimedia de Allariz; 30 no TC de Lugo; 20 na Sala web do ETSET, e 12 na da BPMGG.

O curso, que será impartido por persoal técnico das empresas Abertis Telecom e Televés, é o terceiro deste tipo que organiza a Oficina Técnica da TDT de Galicia, tamén dependente da Secretaría Xeral de Medios. O seu obxectivo é dar a coñecer aos profesionais o procedemento de instalación dos receptores satélite da televisión dixital en zonas sen cobertura terrestre.

Esta formación, que consta dunha parte técnica e doutra administrativa, é un dos requisitos imprescindibles para poder ser distribuidor autorizado de SAT-TDT. As clases impartiranse en horario de 10:00 a 13:00 horas. Rematada a xornada, entregarase aos participantes un certificado de asistencia.

Esta iniciativa segue a liña das actividades do Centro Multimedia de Galicia para perfeccionar os coñecementos dos profesionais das telecomunicacións nos procedementos de instalación e distribución de SAT-TDT, contribuíndo dese xeito a facer chegar o novo sistema de Televisión Dixital Terrestre a toda a sociedade e de divulgar as súas vantaxes fronte á tradicional televisión analóxica.