Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O Centro Demostrador TIC de Galicia acolleu a presentación de dezanove solucións tecnolóxicas galegas desde a súa inauguración en xullo

Nos últimos cinco meses 17 empresas da Comunidade empregaron o CDTIC para dar a coñecer as súas aplicacións e servizos TIC

Máis de 200 profesionais dos sectores tecnolóxico, sanitario, audiovisual, metalúrxico, de transporte e a loxística, entre outros, asistiron ás súas actividades

O 84% das empresas que participaron nas sesións demostradoras situaron o seu grao de satisfacción entre alto e moi alto

O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego

Desde a posta en marcha do Centro Demostrador TIC no mes de xullo, un total de 17 empresas TIC galegas presentaron as súas solucións tecnolóxicas no centro e máis de 200 profesionais participaron nas súas actividades e se achegaron coñecer as súas instalacións.

En total foron 19 as solucións tecnolóxicas presentadas no CDTIC nos últimos cinco meses, o que pon de manifesto o esforzo e a potencialidade das empresas TIC da Comunidade. A valoración que estas fixeron do centro tras a súa participación como entidades demostradoras foi moi positiva: un 37% das empresas expresaron un grao de satisfacción moi alto e un 47% alto.

En canto ás empresas asistentes, o 11% pertencen ao sector TIC, pero tamén estiveron representados outros sectores como o da administración pública (7%), o sanitario (3%), o audiovisual (4%), o da metalurxia (3%) e o de transporte e loxística (2%), entre outros.

Solucións para todos os sectores

As actividades desenvolvidas tiveron na súa maioría un carácter transversal, dirixidas a todos os sectores produtivos de Galicia aínda que tamén se presentaron produtos dirixidos a sectores concretos como o do turismo náutico, o sector educativo, a xestión de residuos e a loxística industrial.

Ásí o consorcio formado por PortoMeloxo, Wireless Galicia e Grupo GSI (USC) presentou Nautigal, unha plataforma de integración de servizos especializados orientados ao sector do Turismo Náutico. Na área educativa, presentouse a pizarra interactiva sen sombra, unha innovadora Superficie de Proxección que permite un triple uso: como pantalla convencional de proxección, pizarra para uso con rotuladores e Pizarra Interactiva con dispositivos de Infravermellos ou ultrasóns, orientada aos sectores de docencia e discapacidade, deseñada e presentada por José Juan Nimo Silva.

A xestión de residuos estivo presente na sesión demostradora de Teixo, a primeira plataforma global dispoñible na rede Internet para o sector de Xestión de Refugallos. Foi creada pola empresa Teimas para dotar a produtores, recolledores-transportistas e xestores de residuos das ferramentas precisas para unha correcta xestión dos seus residuos e por outra banda, crear unha rede social "sectorial" a nivel estatal e global no eido da xestión de residuos. Outro exemplo da aplicación loxística neste caso da área industrial foi a presentación de Elastics, unha familia de solucións, desenvolvida por Imatia Innovation, para diferentes tamaños de empresas, de acordo ás necesidades TIC das mesmas.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para acercar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutras áreas como a automoción, a construción o naval, a enerxía, o téxtil…, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

Este escaparate tecnolóxico de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, e está cofinanciado con fondos FEDER.

Instalacións

As instalacións do CDTIC están estruturadas en tres salas. A sala de formación está deseñada para o desenvolvemento de xornadas e obradoiros de carácter eminentemente práctico. Esta espazo está dotado co equipamento necesario para a proxección de contidos 3D e o uso das aplicacións e/ou servizos multimedia orientados a contidos audiovisuais, entre outras funcións.

A sala de demostracións está equipada para realizar demostracións ou simulacións de contornos de traballo con produtos tecnolóxicos así como facilitar o encontro in-situ ou virtual entre empresas provedoras de solucións tecnolóxicas e empresas posibles usuarias de tecnoloxía ou innovación tecnolóxicas.

O terceiro espazo é a sala de realidade virtual, que permite a exposición de contidos audiovisuais e interactivos en tres dimensións así como simulacións avanzadas, videoxogos e reprodución virtual de diversos contornos reais e a interacción cos mesmos.