O Centro Demostrador de Galicia celebra un ciclo de talleres sobre novas tendencias tecnolóxicas para pemes TIC

Venres 20 de Abril de 2012

O Centro Demostrador de Galicia celebra un ciclo de talleres sobre novas tendencias tecnolóxicas para pemes TIC

O primeiro terá lugar o 26 de abril baixo o título “Vixilancia Tecnolóxica e Intelixencia Competitiva”

“Aplicacións, Smartphones e Redes sociais” e “Cloud Computing” serán os temas dos seguintes talleres que se celebrarán en maio

As empresas interesadas poderanse inscribir no portal web do Centro Demostrador TIC http://cdtic.xunta.es/inscribir

O Centro Demostrador TIC de Galicia, acollerá o próximo xoves 26 de abril un taller sobre Vixilancia Tecnolóxica e Intelixencia Competitiva. É o primeiro dun ciclo de tallares orientados á capacitación sobre novas tendencias tecnolóxicas para pemes TIC organizados en colaboración con Red.es.

Un dos obxectivos deste primeiro taller é capacitar na identificación de proxectos de I+D+i, proxectos NEBT (novas empresas de base tecnolóxica no sector TIC) e das tendencias tecnolóxicas internacionais e mercados potenciais, dotando ás empresas das ferramentas metodolóxicas para o desenvolvemento de sistemas de vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva.

O taller celebrarase en horario de mañá de 09:00 a 14:00 e horario de tarde de 15:00 a 19:00 e está distribuído en módulos teóricos e un módulo práctico, baseado nunha empresa TIC galega.

A xornada abrirase cunha charla maxistral de hora e media de duración, impartida por dúas expertas cunha longa traxectoria no sector da vixilancia tecnolóxica de empresas en Galicia, Lara Rey, responsable do Servizo de Vixilancia Tecnolóxica e do Sistema de Xestión de I+D+i da empresa “Ferroatlántica I+D”, e Rosa Freire, responsable da Unidade de Vixilancia e Transferencia de Tecnoloxía no Centro de Innovación e Servizos de Galicia.

Dos contidos do resto do taller encargarase o doutor José María Riola Rodríguez, profesor da Universidade Politécnica de Madrid, e, dende hai máis de catro anos, responsable do Sistema de Observación e Prospectiva Tecnolóxica da Dirección Xeral de Armamento e Construción do Ministerio de Defensa.

As prazas para asistir ao taller son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente online a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/inscribir).

Máis talleres en maio
O próximo taller do Ciclo, “Aplicacións, Smartphones e Redes sociais”, terá lugar o xoves día 10 de maio. O obxecto é ofrecer toda información necesaria o negocio de desenvolvemento de aplicacións para smartphones e redes sociais e identificaranse as diferentes oportunidades que ofrecen, especialmente aos pequenos empresarios e emprendedores.

Como peche deste ciclo o mércores 23 e o xoves 24 de maio. celebrarse o taller “Cloud Computing” para ofrecer ás empresas TIC toda a información necesaria sobre o tema desde unha prespectiva no só tecnolóxica, senon tamén como un novo referente de modelo de negocio e desenvolvemento.

CDTIC
O Centro Demostrador TIC, posto en marcha pola Xunta de Galicia, constitúe un espazo de referencia co obxecto de difundir as vantaxes da incorporación de TIC en pemes, impulsando a creación de espazos de encontro entre a oferta do sector TIC e a potencial demanda de pemes, difundir as vantaxes da incorporación das TIC aos procesos produtivos, facilitar a transferencia de tecnoloxía, servizos especializados e coñecemento entre o sector TIC e as pemes, así como a de asesorar, capacitar e formar tecnoloxicamente ás empresas.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da entidade pública empresarial Red.es.