O centro demostrador de Galicia acolle mañá a primeira sesión práctica sobre solucións de almacenamento que melloran a seguridade e flexibilidade dos sistemas de información

Mércores 13 de Xullo de 2011

O centro demostrador de Galicia acolle mañá a primeira sesión práctica sobre solucións de almacenamento que melloran a seguridade e flexibilidade dos sistemas de información

A empresa Ozona Consulting é a primeira empresa galega que fará unha demostración destas características no CDTIC, que acaba de poñer en marcha a Xunta de Galicia

O Centro Demostrador TIC de Galicia (CDTIC) acolle mañá a primeira sesión demostradora dende a súa inauguración a finais de xuño. A empresa Ozona Consulting, compañía especializada en virtualización e cloud computing, realizará unha demostración práctica sobre back up e almacenamento en entornos virtualizados.

O encontro, que se dirixe a directivos e administradores de sistemas, ten como obxectivo dar a coñecer cal é a protección óptima para servidores virtualizados e cales son as solucións de almacenamento máis flexibles para estes ámbitos. Na sesión presentaranse opcións de integración do almacenamento, arquivado, replicación, SRM, ou busca, entre outras solucións.

Ademais, mostrarase como as solucións de almacenamento de NetApp e back up de Commvault permiten ás compañías aforrar custos, mellorar a súa seguridade e conseguir unha maior flexibilidade nos seus Sistemas de Información.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC está situado no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e foi recentemente inaugurada polo Presidente da Xunta. Foi financiado conxuntamente pola Xunta de Galicia e por Red.es e a súa misión é ofrecer ao sector TIC un espazo para presentar innovacións e solucións tecnolóxicas a través das súas actividades demostradoras.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutras áreas como a automoción, a construción o naval, a enerxía, o téxtil..., que coñecerán os produtos TIC máis axeitados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.