O Centro de Novas Tecnoloxías acollerá un curso de creación dixital en 3D con Blender

Martes 29 de Decembro de 2009

O Centro de Novas Tecnoloxías acollerá un curso de creación dixital en 3D con Blender

Trátase dun curso dirixido a todos os estudantes e profesionais que queiran empregar Blender, a ferramenta libre de deseño profesional 3D.

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, acollerá en Santiago de Compostela, entre os días 25 de xaneiro e o 12 de febrero de 2010 un curso dirixido a todos os estudantes e profesionais que queiran empregar Blender, a ferramenta libre de deseño profesional 3D. Xa sexa para un desenvolvemento persoal ou laboral. Cun contido eminentemente práctico, oriéntase á creación de obxectos en 3D, desde o debuxo inicial da forma ata o render final dunha animación.

Durante o curso farase un percorrido polos diversos apartados de creación 3D do programa Blender: Modelado, iluminación, texturas, animación etc., todas elas partes esenciais de calquera creación tridimensional. A partir dun debuxo verase como se constrúe o modelo 3D, como facer que muden as súas propiedades de aspecto, como aplicar a textura nos diferentes obxectos, as diferentes opcións para a iluminación, como situar a cámara para obter unha imaxe renderizada, e, por último, como manexar a liña de tempo para obter a animación do obxecto.

O curso impartirase de luns a venres de 9,30 a 13,30 horas e a matrícula é gratuíta.

Para máis información e inscrición pódese visitar a web do CNTG (http://cntg.xunta.es/web/cnt/formacion?resultadoId=453&tipoId=1).