Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O Centro de Emprendemento TIC crea na Cidade da Cultura un punto de encontro do talento tecnolóxico

Subliña que se trata dun dos primeiros froitos dos Pacto Tecnolóxico asinado entre a Xunta e 11 empresas do sector TIC para o desenvolvemento dixital da Comunidade

Na súa etapa inicial o Centro de Emprendemento permitirá que 60 emprendedores TIC desenvolvan simultaneamente os seus proxectos mentres reciben asesoramento, orientación e formación a través de actividades e de persoal de apoio

Asegura que situar este centro na Cidade da Cultura supón aproveitar un espazo recoñecido e senlleiro para que actúe como icona de atracción e punto de encontro para todos os axentes do ecosistema do emprendemento TIC

Destaca a aposta da Xunta pola tecnoloxía como alicerce de competitividade, tal e como se recolle na Axenda Dixital 2014.gal que está a mobilizar unha inversión de 900 millóns de euros en capital público e privado

Sinala o potencial existente en Galicia para ser un polo tecnolóxico de referencia e apunta a Estratexia de Crecemento Dixital e a Estratexia de Especialización Intelixente RIS 3 como guías para conseguilo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que a posta en marcha do Centro de Emprendemento TIC crea na Cidade da Cultura un punto de encontro para o talento TIC no que os emprendedores do sector poderán desenvolver os seus proxectos e recibir orientación e formación. Así o desacou o titular do Goberno galego tras presidir este mediodía a sinatura do acordo entre a Xunta e Telefónica para que este centro de ‘coworking’ bote a andar no primeiro trimestre de 2014.

Destacou que esta iniciativa é un dos primeiros froitos do Pacto Tecnolóxico asinado en xullo entre a Xunta e 10 empresas do sector TIC a nivel nacional e internacional e o Cluster TIC de Galicia, ao que recentemente se adheriu Telefónica, e que constitúe o primeiro acordo deste tipo que se asina en España coa fin de promover o desenvolvemento dixital dunha autonomía.

Segundo explicou Feijóo, na súa etapa inicial, o Centro de Emprendemento TIC ofrecerá a 60 emprendedores do eido tecnolóxico un espazo para desenvolver simultaneamente os seus proxectos, recibir asesoramento, orientación e formación a través dun programa de actividades permanentes e de persoal de apoio.

O mandatario galego subliñou que a creación do centro de ‘coworking’ na Cidade da Cultura supón aproveitar un espazo recoñecido e senlleiro para que actúe como icona de atracción e punto de encontro para todos os axentes do ecosistema do emprendemento TIC.

O obxectivo deste proxecto, remarcou o titular do Executivo autonómico, é detectar e potenciar o talento e ofrecer aos emprendedores do sector TIC de Galicia a oportunidade de sacar adiante as súas iniciativas.

A tecnoloxía como alicerce da competitividade
Na súa intervención, Feijóo subliñou que este acordo contribúe a orientar o modelo económico “no que estamos traballando”; é produto da colaboración público-privada, “e pretendemos amais que o Gaiás se converta nun referente non só cultural senón nun referente dixital de Galicia e de España”.

O titular da Xunta salientou a tecnoloxía como alicerce para acadar o obxectivo da competitividade que debe asumir a economía galega e nesa liña enmarcou o proxecto tecnolóxico “definido e planificado” que vén desenvolvendo o Goberno galego desde 2009. Lembrou a posta en marcha da Axenda Dixital 2014.gal, que está a mobilizar unha inversión de 900 millóns de euros en capital público e privado e que constitúe a folla de ruta do goberno galego para acadar a modernización dos servizos públicos, o despregamento das infraestruturas de telecomunicación e o impulso do sector tecnolóxico dentro da Comunidade. “Aspiramos a converternos nun polo tecnolóxico en España; que o noso sector das tecnoloxías sexa un sector potente na economía despois da crise”, aseverou.

O presidente galego apuntou a que na nosa Autonomía existen importantes fortalezas para acadar ese propósito, posto que hai tres centros tecnolóxicos de prestixio (Gradiant, CITIC e CESGA), unha plataforma tecnolóxica TIC, máis de 4.000 alumnos matriculados en carreiras TIC, e máis de 2.000 empresas tecnolóxicas. “Temos polo tanto soporte humano, investigador e tecido empresarial. E este proxecto que hoxe firmamos pode ser unha grande oportunidade. Traballaremos para que así sexa e para fortalecelo”, dixo.

Nesta liña, Feijóo fixo referencia á Estratexia de Crecemento Dixital e á Estratexia de Especialización Intelixente RIS 3 como guías que permitan desenvolver todo ese potencial con éxito.

Centro de Emprendemento TIC
O acordo de constitución do Centro de Emprendemento TIC foi asinado hoxe polo presidente de Telefónica España, Luís Miguel Gilpérez, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Mar Pereira, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, nun acto presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Para o seu funcionamento e operativa, Telefónica achegará 850.000 euros anuais. O centro ocupará unha superficie de 420 metros cadrados nas instalacións da Cidade da Cultura e comezará a funcionar no primeiro trimestre de 2014. A iniciativa desenvolverase en dúas fases. Na primeira levarán a cabo labores de captación de proxectos e poñerase en contacto aos emprendedores con investidores, expertos e outros axentes que poidan estar interesados nos seus traballos. Nesta etapa, o centro poderá acoller de forma simultánea ata 60 emprendedores, aos que se lles facilitará o contacto con futuros investidores e poderán acceder á plataforma de innovación e transformación online Telefónica Open Platform, ademais de ter acceso a actividades de formación e mentoring.

O obxectivo é que nunha segunda fase o centro se converta nunha aceleradora de proxectos no ámbito TIC inspirada na exitosa experiencia de Wayra, e con capacidade para impulsar de forma simultánea ata 8 iniciativas de emprendedores. Todo o conxunto de actividades, ademais, estará aberto á colaboración constante con universidades, viveiros e incubadoras de empresas, ademais de colexios e asociacións profesional.