O CDTIC virtual da Amtega pon á disposición das empresas a aplicación de Alfresco para a xestión documental

Martes 08 de Novembro de 2016

O CDTIC virtual da Amtega pon á disposición das empresas a aplicación de Alfresco para a xestión documental

Desde hoxe xa se pode probar de balde esta aplicación de código aberto
O xoves, 10 de novembro, celebrarase no CDTIC unha sesión demostradora sobre as funcionalidades de Alfresco
O CDTIC Virtual ofrece a empresas e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar, de xeito gratuíto, solucións empresariais libres que están aloxadas na nube
Para acceder a este servizo só é preciso rexistrarse como profesional ou empresa na web do CDTIC

O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe unha nova aplicación na nube dentro do CDTIC Virtual, que esta á disposición das empresas e as entidades do terceiro sector para a súa proba e avaliación. Trátase de Alfresco, unha plataforma de código aberto orientada á xestión documental empresarial, líder do mercado en software libre.

Esta ferramenta inclúe, entre outras funcionalidades, unha completa solución de xestión documental que automatiza a captura, a xestión, o almacenamento e a preservación de contidos e documentos dixitais relacionados cos procesos da organización, todo isto a través dun navegador web e unha interface amigable e intuitiva.

As solicitudes de acceso ao CDTIC Virtual para probar Alfresco realízanse a través da páxina web do CDTIC, http://cdtic.xunta.es/. Únese así a outros servizos dispoñibles para a súa avaliación xa publicados con anterioridade como son Owncloud, Xeshostal, Odoo, civiCRM ou Prestashop.

Xornada de demostración no CDTIC

Para mostrar as vantaxes de empregar esta aplicación nas empresas, o CDTIC organiza o 10 de novembro unha sesión demostradora que leva por título “A xestión documental na peme con Alfresco” (https://cdtic.xunta.gal/alfresco), que se levará a cabo nas súas instalacións en horario de 17.00 a 19.00 horas.

Nesta actividade proporcionaráselles ás persoas asistentes unha visión clara da xestión documental e axudarase a identificar os procesos da compañía nos que pode resultar de utilidade a súa implantación. Ao longo da sesión explicarase que é a xestión documental e as súas vantaxes para a empresa e comentaranse as principais necesidades que cómpre resolver. Así mesmo, realizarase unha demostración práctica de Alfresco e mostraranse casos de éxito da súa utilización en diferentes tipos de organizacións.

Esta sesión está destinada principalmente a directores ou responsables de departamentos TIC e de administración nas pemes. A consultora Queres Tecnologías, especializada en xestión documental, será a encargada desta demostración.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que hai prazas dispoñibles.

Aplicacións na nube a través do CDTIC Virtual

A través do CDTIC Virtual, as empresas, as organizacións e as persoas usuarias que o desexen poden probar e avaliar aplicacións a través dun servizo na nube nun contorno privado, durante un período inicial de 15 días e que poderá ampliarse ata un mes.

As vantaxes desde servizo son que proporciona unha infraestrutura tecnolóxica xa configurada para probar a solución, sen necesidade de dispoñer dela nin de contar co tempo dun administrador de sistemas e de recursos informáticos. Deste xeito facilítase que as empresas poidan coñecer e avaliar a utilidade e a adecuación ás súas necesidades das solucións ofertadas.

Ata o momento, as solucións dispoñibles no CDTIC Virtual eran cinco, ás que se vai sumar agora a citada Alfresco: Xeshostal, un software para a xestión hoteleira;  Owncloud, un servizo de compartición de arquivos na nube; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións con clientes (CRM) orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social, así como Prestashop, aplicación do sistema de comercio electrónico.

As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como usuarias do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou as aplicacións que sexan do seu interese. Ata o momento xa o fixeron máis de 80 empresas usuarias do CDTIC Virtual.