O CDTIC virtual da Amtega amplía a súa oferta de aplicacións libres cunha nova solución para a monitorización de sistemas informáticos

Martes 10 de Outubro de 2017

O CDTIC virtual da Amtega amplía a súa oferta de aplicacións libres cunha nova solución para a monitorización de sistemas informáticos

O Centro Demostrador TIC pon a disposición das empresas usuarias a aplicación Zabbix, unha ferramenta de monitorización para que poidan probala e coñecer as súas características
O vindeiro 18 de outubro o CDTIC organiza un seminario de iniciación sobre esta ferramenta para aqueles profesionais que queiran coñecer as súas funcionalidades e probala
Máis de 100 empresas teñen solicitado os servizos do CDTIC Virtual, que ofrece a posibilidade de analizar e probar, de xeito gratuíto, solucións empresariais libres que están aloxadas na nube

O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía a súa oferta de ferramentas informáticas no CDTIC Virtual coa inclusión de Zabbix. Esta nova solución permite a monitorización dos servizos e do hardware despregados nunha rede de ordenadores, tanto internamente nunha organización, como os que se teñan dispoñibles a través de Internet. Esta solución permite ter en todo momento información sobre o seu funcionamento, a carga de traballo ou o tráfico que soportan, por exemplo.

Zabbix pode configurase para que en base a esta información emita alertas ou tome medidas automáticas ante a determinadas situacións, como a sospeita dunha fenda de seguridade, un funcionamento anormal dun dispositivo conectado, unha carga excesiva da rede, a falta de espazo de almacenamento, etc. Deste xeito evítase que o servizo deixe de estar operativo e que en caso de caída dalgún sistema pase o mínimo tempo posible ata que nos demos conta.

Obradoiro de Zabbix

Para amosar as vantaxes de empregar esta solución a profesionais e empresas, o CDTIC organiza o vindeiro 18 de outubro unha sesión que leva por título “Seminario TIC: introdución á monitorización de sistemas co software libre Zabbix e aplicabilidade a outros campos como a industria” (https://cdtic.xunta.gal/presentacion-zabbix), que se levará a cabo nas súas instalacións Santiago de Compostela, en horario de 10.00 a 13.00 horas.

Esta sesión será impartida por Muutech (http://www.muutech.com/), empresa de solucións de monitorización enfocada, ademais de a contornos de sistemas de información, a contornos industriais e de produción. Recentemente Muutech foi seleccionada como un dos 20 proxectos de ámbito 4.0 invitados a participar na segunda edición do programa de aceleración do Business Factory Auto de Vigo.

Centro Demostrador TIC Virtual

O CDTIC Virtual (https://cdtic.xunta.gal/cdtic-virtual-info), posto en marcha polo Centro Demostrador TIC, constitúe un servizo no que empresas, organizacións e persoas usuarias poden probar e avaliar distintas aplicacións en software libre a través dun servizo na nube nun contorno privado, sen necesidade de dispoñer de recursos informáticos propios ou de persoal con coñecementos avanzados de sistemas.

Na actualidade, as solucións dispoñibles no CDTIC Virtual son Xeshostal, un software para a xestión hostaleira; Nextcloud, un servizo de compartición de arquivos na nube; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións con clientes (CRM) orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social; PrestaShop unha plataforma web de comercio electrónico (e-commerce), Alfresco o software de xestión documental profesional e Tenda en liña con WordPress, unha ferramenta ideal para tendas cun catálogo pequeno o que a converte nunha opción moito máis eficaz e funcional que outras alternativas no mercado para este tipo de tendas.

As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como empresas e profesionais na Web do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou as aplicacións que sexan do seu interese. Ata o momento xa o fixeron máis de 100 empresas usuarias do CDTIC Virtual.