O CDTIC da Amtega pecha en Ourense o ciclo "Pon o teu negocio en internet" cun seminario para analizar quen visita a web dun negocio na rede

Domingo 19 de Xuño de 2016

O CDTIC da Amtega pecha en Ourense o ciclo "Pon o teu negocio en internet" cun seminario para analizar quen visita a web dun negocio na rede

Máis dun centenar de persoas participaron nesta iniciativa, que se desenvolveu durante os meses de maio e xuño, no centro La Molinera, en Ourense

O ciclo remata o vindeiro martes 21 de xuño, co seminario “Quen visita a túa web? A resposta con Google Analytics”, que poderá seguirse tamén por videoconferencia nas aulas CeMIT

A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organiza o día 21 de xuño o seminario que leva por título “Quen visita a túa web? A resposta con Google Analytics” (https://cdtic.xunta.gal/google-analytics-ourense) que se impartirá na aula CeMIT de Ourense, situada no edificio La Molinera, en horario de 16.00 a 20.00 h. Este será o último dos catro seminarios do ciclo “Pon o teu negocio en internet”, un itinerario de accións formativas eminentemente prácticas co obxectivo de dar a coñecer os elementos chave para levar os produtos ou servizos á rede.

Coa sesión de Google Analytics búscase que as persoas asistentes sexan capaces de comprender o valor e a importancia da analítica web no marketing en liña e de empregar Google Analytics e os seus indicadores para mellorar e controlar o rendemento das súas webs. Para iso, o programa da xornada estrutúrase en 19 módulos que teñen como obxectivo dar a coñecer de xeito ordenado os principios e as funcionalidades máis empregados no contexto profesional.

Este seminario está especialmente deseñado para profesionais do mundo marketing, programadores web, product managers, community managers, cargos directivos, supervisores e executivos de contas ou xerentes de pemes. A empresa Alén Multimedia, dedicada ao desenvolvemento e á implantación de servizos de comunicación multimedia, será a encargada de impartir a xornada.   

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/google-analytics-ourense). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. Ademais, para quen non poida acudir á sesión presencial, é posible seguila por videoconferencia nas aulas CeMIT (https://cemit.xunta.gal/node/6629) que a Amtega ten distribuídas por todo o territorio galego. 

Centro Demostrador TIC 
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda o resto dos sectores empresariais galegos. 

O obxectivo principal do CDTIC é amosar e demostrar ás empresas e profesionais os beneficios que as TIC poden ofrecer ao seu negocio. Para conseguilo o CDTIC ofrece ao sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos, servizos. 

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, cofinanciada con fondos FEDER.

Rede CeMIT
Pola súa banda, a Rede CeMIT, iniciativa posta en marcha pola Amtega, ofrece unha amplo catálogo de actividades formativas no campo da alfabetización dixital e da capacitación dixital avanzada, impulsando, potenciando e difundindo os coñecementos nas tecnoloxías da información e a comunicación da cidadanía galega.

Conta coa colaboración de 92 concellos galegos e está integrada por 98 aulas, de tal maneira que todo galego/a ten unha aula a media hora de distancia do seu fogar e pode acceder á formación desde calquera punto.