O CDTIC da Amtega organiza unha sesión demostradora sobre unha ferramenta para controlar os prezos de venda en liña

Sábado 08 de Outubro de 2016

O CDTIC da Amtega organiza unha sesión demostradora sobre unha ferramenta para controlar os prezos de venda en liña

A sesión “Control dos prezos en liña. Controla competidores ou vendedores dos teus produtos en tempo real con Boardfy” desenvolverase o 18 de outubro en horario de 17.00 a 19.00 horas

A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza o día 18 de outubro unha sesión demostradora que leva por título “Control dos prezos en liña. Controla competidores ou vendedores dos teus produtos en tempo real con Boardfy” (https://cdtic.xunta.gal/boardfy) e que se levará a cabo nas súas instalacións en horario de 17.00 a 19.00 horas.

Nesta actividade explicarse, desde unha visión práctica e real, a importancia, tanto para vendedores en liña como para marcas e fabricantes, do control dos prezos de venda dos produtos que ofrece un negocio. O programa da sesión divídese en dous bloques, un dirixido ás tendas en liña, no que se tratarán aspectos como a estratexia de comercio electrónico, as claves para o éxito, a importancia do prezo ou a facturación fronte á marxe; e outro máis enfocado a fabricantes e marcas, que abordará temas como a evolución das vendas en internet, a importancia do prezo no posicionamento de mercado ou o control da canle de venda e o incumprimento do PVR.

Esta sesión está destinada principalmente a persoal directivo, responsables comerciais e de mercadotecnia e, en xeral, todas as persoas que desexen pór en marcha un proxecto de comercio electrónico ou controlar a súa canle de vendas en internet. O encargado de impartir a actividade será Fernando Gómez, CEO de Boardfy e presidente do grupo de empresas Predomina.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que, polo momento, hai prazas libres.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.