Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O CDTIC da Amtega organiza tres sesións para dar a coñecer as axudas á dixitalización empresarial do programa reacciona TIC

O Igape e a Amtega impulsan conxuntamente este programa para facilitarlles ás empresas beneficiarias a adquisición de competencias e a incorporación de tecnoloxías que lles permitan incrementar a súa competitividade
As sesións celebraranse na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo os días 19, 20 e 21 respectivamente
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC
As persoas que non podan desprazarse a Santiago e Vigo, poderán seguir as sesións por streaming na web do CDTIC

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza tres xornadas para dar a coñecer, a través de casos prácticos, as axudas para os servizos de dixitalización empresarial que ofrece o programa Re-acciona TIC, impulsado pola Amtega e o Igape.

Estas sesións están destinadas principalmente a xerentes, responsables ou técnicos das áreas de comunicación ou marketing das empresas de calquera sector. Para participar nelas cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde.

Primeira xornada na Coruña

INEO, Asociación Multisectorial de Nuevas Tecnologías de Información y Comunicación, colabora coa Amtega na primeira das sesións, que se celebra o 19 de decembro na Coruña, baixo o título “Claves de marketing en liña para o teu negocio. Como trazar unha estratexia de marketing a través de internet” (https://cdtic.xunta.gal/reaccionatic-marketing). Terá lugar  na sede da Confederación de Empresarios, en horario de 19.00 a 21.00 horas. O obxectivo desta sesión é formar os asistentes no uso a nivel profesional e de empresa de internet e a súa páxina web para a comercialización de produtos e servizos.

O programa da xornada, que será impartida polo consultor de Toctocmedia e colaborador de Eosa Javier Varela, inclúe un relatorio que tratará as claves da mercadotecnia en liña para as empresas, ao que lle seguirá a presentación do servizo de marketing dixital para pemes do programa Re-acciona TIC.

Sesións de Santiago e Vigo tamén en streaming

A segunda sesión desenvolverase o 20 de decembro en Santiago de Compostela baixo o título “Descubre o servizo de empresa dixital de Re-acciona TIC para pemes” (https://cdtic.xunta.gal/reaccionatic-empresa). Será na sede do CDTIC, en horario de 19.00 a 20.30 horas.

O programa da xornada inclúe a presentación de catro servizos para a dixitalización empresarial ofrecidos polo programa Re-acciona TIC por parte das empresas encargadas de cada un deles: diagnose para a aplicación de solucións dixitais na empresa, a cargo de Estratega Consulting e Fundación CTIC; soporte para a adopción e o despregamento de solucións en mobilidade, a cargo de Inova e Balidea; asistencia para a adopción de solucións dixitais innovadoras para a mellora da xestión empresarial, a cargo de Imatia, Cotesa e Conpas; e acompañamento na definición e a posta en marcha de estratexias de marketing dixital, a cargo de Eosa e Esterea.

A sesión do 21 de decembro levarase a cabo na aula CeMIT de Vigo en horario de 19.00 a 20.30 horas co título “Descubre como o servizo Re-acciona TIC pode guiar a túa fábrica cara á industria 4.0” (https://cdtic.xunta.gal/reaccionatic-industria).

Ao longo desta xornada presentaranse tres servizos para a industria 4.0 ofrecidos polo programa Re-acciona TIC. Cada unha das presentacións correrá a cargo da empresa responsable de desenvolvelo, de maneira que Team & Time Solutions falará sobre o servizo de diagnose das capacidades e aplicacións das solucións de industria 4.0; Fundación CTIC Centro Tecnolóxico, da posta en marcha de solucións de industria 4.0; e Soltec Ingenieros, da xeración de modelos e simulación industrial.

Ambas as dúas sesións, a de Santiago e Vigo, presentan como novidade que serán retransmitidas por streaming para que as persoas interesadas poidan seguilas a través dun dispositivo con conexión a internet desde calquera punto de Galicia.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.