Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O CDTIC da Amtega organiza o 3 de abril unha sesión sobre facturascripts dirixida ás empresas

• Esta aplicación, unha das que o CDTIC pon a disposición das empresas, facilita a planificación de recursos e a administración da relación coa clientela
• A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web ou na app do CDTIC

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza o día 3 de abril, en horario de 16.30 a 18.30, nas súas instalacións de Santiago a sesión demostradora “Xestiona o día a día da túa empresa con Facturascripts” (https://cdtic.xunta.gal/facturascripts2019).

O obxectivo desta xornada é presentar FacturaScripts, un programa fácil, accesible e potente, que permite levar ao día a contabilidade da empresa sen moito esforzo. Da man da consultora informática Ítaca Software Libre, explicarase ás persoas asistentes o funcionamento básico dos módulos de FacturaScripts e exporase un caso de xestión empresarial, ademais de realizar un exercicio de carácter práctico.

Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

FacturaScripts, presente no CDTIC Virtual

FacturaScripts é unha das ferramentas informáticas dispoñibles para as empresas no CDTIC Virtual e está deseñada para axudalas na planificación dos seus recursos empresariais e na administración da relación coa clientela.

Entre as funcionalidades máis destacadas desta aplicación atópanse a capacidade de engadir, segundo estamos a crear unha factura ou un albará, clientes á nosa lista, produtos ao noso catálogo e mesmo xerar asentos contables; a realización de cálculos automáticos de prezos e custos de venda; ou a capacidade de xerar orzamentos que posteriormente se poden converter en pedidos, albarás e/ou facturas. Trátase dunha ferramenta completamente accesible dende calquera dispositivo que teña un navegador web que conta tamén cun amplo catálogo de plugins e unha activa comunidade de colaboradores.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.