Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O CDTIC da Amtega organiza en marzo unha nova edición do programa #MesD centrado nas redes sociais

• Entre o 6 e o 27 do vindeiro mes, o Centro Demostrador acollerá catro sesións formativas sobre Instagram, LinkedIn, Facebook e Twitter
• Están dirixidas a pemes, emprendedores e profesionais de recursos humanos e comunicación
• A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web ou na aplicación do CDTIC


O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza a terceira edición de #MesD, unha iniciativa que concentra durante un mes diferentes sesións formativas destinadas ás empresas, emprendedores e autónomos e dedicadas a un tema concreto.

En marzo, #MesD centrarase nas redes sociais con catro seminarios sobre Instagram, LinkedIn, Facebook e Twitter, que se desenvolverán nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela en horario de 16.00 a 18.30 horas. 

A primeira sesión, que impartirá o 6 de marzo a axencia de marketing Roi Scroll, estará dedicada a Instagram, unha ferramenta que foi gañando relevancia nos últimos tempos e que se converteu en decisiva para impulsar pequenos e grandes negocios. Está destinado a xerentes, responsables ou persoal técnico das áreas de comunicación ou marketing das empresas de calquera sector.

O segundo seminario, centrado en LinkedIn, chegará o 13 de marzo da man de Alberte Cea, nel trataranse as posibilidades desta rede como ferramenta de employer branding. O obxectivo é que as empresas tomen conciencia da necesidade de contar cunha imaxe de marca empregadora para atraer aos mellores profesionais. A actividade está destinada a pemes, persoas con proxectos de emprendemento, xestores de marca, responsables de selección ou de RR. HH. e público en xeral.

O 20 de marzo chegará a quenda de Facebook, do que falará Arancha Vilas, experta en comunicación, co obxectivo de levar o coñecemento desta rede social a unha escala máis profesional e promover a reflexión sobre a conveniencia de estar presente nela e de que maneira. O seminario está pensado, principalmente, para responsables de departamentos de comunicación; persoas que queren aprender a abordar a comunicación en liña; e persoas que precisen descubrir Facebook desde a perspectiva máis profesional.

Por último, pechará este #MesD o día 27 de marzo unha sesión dedicada a Twitter como ferramenta de comunicación profesional, a cargo de Christian Delgado, quen dará a coñecer as opcións e as características pouco coñecidas desta rede e que poden ser de interese para o seu uso profesional. Este seminario está dirixido a persoas interesadas en que a súa organización conte cunha presenza activa en Twitter desde un punto de vista profesional. 

Para participar nestas actividades cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A inscrición é de balde ata que se cubran todas as prazas.

Programa  #MesD
O programa #MesD é unha iniciativa impulsada desde o CDTIC que consiste nun ciclo de sesións formativas sobre un tema concreto concentradas ao longo dun mes e cunha duración aproximada de dúas horas. 

Ata o momento organizáronse dúas edicións do programa. A primeira delas, celebrada no mes de marzo de 2018, dedicouse ao marketing dixital, e a segunda, no mes de xuño do mesmo ano, ao comercio electrónico.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.