Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O CDTIC da Amtega acolle este xoves a xornada de Red.es “Súbete á nube”, na que presentará o programa de axudas de Cloud Computing para pemes

Durante o encontro o experto Mikel Diez Parra, Digital Transformation Lead de IBM, amosará as vantaxes das solucións tecnolóxicas na nube.
As empresas interesadas en solicitar estas axudas, de ata 15.000 euros, poden inscribirse na xornada a través da páxina web do CDTIC ou da súa app.
Melloras na produtividade, a mobilidade, a flexibilidade e a redución de custos son os principais beneficios que perciben as empresas que migran os seus servizos á nube.
Segundo o OSIMGA, o 17,1% das pemes galegas está a empregar solucións Cloud Computing, superando en 2,1 puntos á media estatal.

O Centro Demostrador TIC de Galicia (CDTIC), promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acolle este xoves 12 de maio, a xornada “Súbete á nube”, na que a entidade pública estatal red.es presentará o seu programa de axudas para que pemes e autónomos incorporen solucións de Cloud Computing (http://www.subetealanube.gob.es/).

Durante a xornada explicaranse o detalle do programa “Súbete a la nube”, cuxa finalidade é ofrecer ás pemes e autónomos axudas de entre 635€ ata 15.000€ para adopción de solucións tecnolóxicas na nube dentro do seu proceso de modernización. O prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria será do 18 de maio ata o 8 de xuño.

O experto en transformación dixital Mikel Diez Parra (Digital Transformation Lead en IBM) explicaralles aos asistentes as claves para modernizar os seus negocios, as vantaxes da computación na nube ou cloud computing. Ademais, neste encontro verase un conxunto de solucións cloud transversais a toda actividade económica: posto de usuario, xestión económica, xestión de negocio, relación con clientes, xestión do punto de venda, comercio electrónico, infraestrutura como servizo, plataforma de desenvolvemento como servizo ou central virtual.

A xornada está dirixida aquelas empresas interesadas en obter unha axuda económica para iniciar un proceso de dixitalización no seu negocio. Para asistir á xornada “Súbete á nube” é preciso inscribirse a través da páxina web do CDTIC:https://cdtic.xunta.es/subete-a-nube. ou a través da súa aplicación, dispoñible en plataformas Android e IOS.

Uso de solucións Cloud Computing nas empresas
Segundo o Informe 2015 Cloud Computing do Observatorio Nacional de Tecnoloxías e Sociedade da Información (ONTSI), as solucións de computación na nube supoñen un aforro do 40 % dos custos informáticos para unha peme. Melloras na produtividade, a mobilidade, a flexibilidade e a redución de custos son motivos principais polos que as empresas migran os seus servizos á nube.

O Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA), determina que o tamaño da empresa inflúe de xeito decisivo na compra de servizos de Cloud Computing. Así, no caso particular de Galicia un 4% das microempresas compraron este tipo de solucións, elevándose a porcentaxe nas empresas máis grandes con sede e/ou actividade en Galicia ata o 17,1%, superando en 2,1 puntos á media estatal.

Dentro das solucións que proporcionan os servizos de Cloud computing, as máis demandadas por todas as empresas, independentemente do seu tamaño, son: o uso de e-mail, o almacenamento de ficheiros ou o servidor de bases de datos de empresa.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.