O CDTIC da Amtega acolle a presentación dos programas de Red.es de Asesores Dixitais e Oficinas de Transformación Dixital para pemes

Sábado 16 de Decembro de 2017

O CDTIC da Amtega acolle a presentación dos programas de Red.es de Asesores Dixitais e Oficinas de Transformación Dixital para pemes

Ambos programas de axudas buscan impulsar a transformación dixital nas empresas e contan co financiamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa plurirrexional para Galicia
A xornada desenvolverase o 19 de decembro nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela
A asistencia a esta presentación é gratuíta, previa inscrición na páxina web ou na app do CDTIC

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acolle, o día 19 de decembro, unha xornada de presentación dos programas Asesores Dixitais e Oficinas de Transformación Dixital (https://cdtic.xunta.gal/presentacion-red-es) que se desenvolverá nas súas instalacións de Santiago de Compostela en horario de 16.30 a 18.00 horas.

Durante a xornada de presentación, Pablo Osuna, da Dirección de Economía Dixital en Red.es, se encargará de presentar as características dos devanditos programas e respostar ás dúbidas formuladas polas persoas asistentes.

Esta xornada está destinada, principalmente, a xestores de pemes, provedores e asociacións empresariais. Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/) ou a través da súa aplicación, dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde.

Os programas de axudas para a Transformación Dixital das pemes

A entidade pública Red.es vén de publicar as bases dos programas de axudas de Asesores Dixitais e das Oficinas de Transformación Dixital. Cada un destes programas está dotado cun orzamento de 5 millóns de euros, destinados á dixitalización das pequenas e medianas empresas, e contan co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo de Crecemento Intelixente.

De Asesores Dixitais, cuxas bases poden consultarse na web de red.es, van beneficiarse un mínimo de 1000 pemes, xa que os 5 millóns de orzamento estarán distribuídos en axudas de ata 5000 euros por empresa. Red.es achegará entre un 50 e un 80 % do custo do servizo, mentres que o resto correrá a cargo do beneficiario.

Pola súa banda, as futuras Oficinas de Transformación Dixital permitirán a creación dun máximo de 50 unidades repartidas por toda España. Están dirixidas a asociacións e colexios profesionais, co obxectivo de fortalecer o ecosistema de soporte ás persoas emprendedoras no ámbito dixital e á peme en materia TIC. O importe mínimo da axuda é, neste caso, de 100 000 euros por cada entidade beneficiaria e o máximo de 200.000. As entidades deberán achegar un mínimo do 20% do orzamento subvencionable.

Proximamente estarán publicadas no perfil do contratante de Red.es as convocatorias de axudas para os dous programas.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.