O CDTIC da Amtega acolle a pilotaxe dunha nova solución que posibilita a xeolocalización do conductor e o vehículo

Xoves 04 de Decembro de 2014

O CDTIC da Amtega acolle a pilotaxe dunha nova solución que posibilita a xeolocalización do conductor e o vehículo

É un exemplo dos posibles produtos que se poden obter en base ao sistema operativo Tizen IVI, un entorno tecnolóxico específico para o eido automobilístico.

A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do Centro Demostrador TIC https://cdtic.xunta.es/

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza para o día 9 de decembro, unha xornada sobre os desenvolvementos TIC destinados ao sector da automoción (https://cdtic.xunta.es/xornada-automocion-tic).

Na xornada presentarase o sistema operativo Tizen IVI, un entorno tecnolóxico específico para o desenvolvemento de servizos ou produtos TIC do eido da automoción e realizarase unha demostración das posibilidades que ofrece. Os participantes asistirán á pilotaxe dunha nova solución que posibilita a xeolocalización do condutor e o vehículo.

Esta aplicación rexistra a posición xeográfica do coche no momento do apagado e almacénaa nun servidor na nube. Cando o condutor precisa volver, unha aplicación instalada no móbil permítelle coñecer a ruta de retorno ata o vehículo. Ademais, o propietario pode buscar un destino no seu móbil (por exemplo, outra cidade) e o sistema indícalle o camiño ata o coche e tamén ata o destino final. Cando o condutor pon o vehículo en marcha de novo, o sistema recupera da nube o destino solicitado previamente no móbil e calcula automaticamente a ruta sen que sexa preciso introducila de novo no navegador.

Contido da Xornada
A apertura e presentación da xornada correrá a cargo de Manuel Velardo, director xerente do Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (Cenatic), e de Juan Victor Rodríguez Arós, xefe do Departamento de Innovación Tecnolóxica da Amtega. A continuación, falará José Manrique López de la Fuente, xerente da Asociación de Empresas do Software Libre Federadas (Asolif), quen analizará a experiencia desenvolvendo con Tizen IVI dentro do marco Automotive Grade Linux.

Posteriormente, intervirá Francisco Sánchez, director de Electrónica e ITS do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), a quen seguirá, despois dunha pausa, Xavier Castaño, socio cofundador de Igalia, cuxo relatorio leva por título “GENIVI: modelando o futuro dos sistemas de infotainment de código aberto”. A xornada rematará coa demostración da solución desenvolvida no entorno Tizen IVI, a cargo de José Manrique López de la Fuente.

Para participar nesta actividade, que se celebrará en horario de 10.00 a 14.00 horas, só é preciso inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e as prazas son limitadas.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.