No 2010 preto do 80% dos alcaldes dos municipios galegos empregaron certificados dixitais para exercitar as súas funcións

Mércores 09 de Novembro de 2011

No 2010 preto do 80% dos alcaldes dos municipios galegos empregaron certificados dixitais para exercitar as súas funcións

Esta porcentaxe elévase ao 85,5% no caso dos secretarios e supera o 56% no resto do persoal dos municipios galegos

No relativo á interoperabilidade dos servizos, 3 de cada 4 concellos galegos acceden aos sistemas de información doutras AAPP para realizar consultas

En canto á administración autonómica, o 70% das consellerías xa empregan módulos de tramitación electrónica para o acceso electrónico aos expedientes, a plataforma de sinatura electrónica e a factura electrónica.

Estes datos reflicten un incremento notorio no impulso da e-administración interna para mellorar a eficiencia dos servizos da administración autonómica

A porcentaxe de equipos con software libre na Xunta de Galicia incrementouse significativamente respecto a enquisa do 2009 (46% fronte ao 58%)

No caso das entidades locais a enquisa constata que un 73,5% dos concellos fai uso do software libre

No 2010 a maioría dos alcaldes, secretarios e interventores e máis da metade do resto de persoal dos concellos empregaron certificados dixitais para exercitar as súas funcións. É un dos datos destacados dos resultados das enquisas sobre “A Administración electrónica na Xunta de Galicia e nos concellos galegos”, correspondentes a 2010 elaborados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

En canto á Administración autonómica constátase un incremento notorio nos últimos anos nas consellerías que empregan módulos ou plataformas de tramitación electrónica coa correspondente mellora na eficiencia da administración interna.

eConcellos, cara á consolidación da identidade dixital 
No 2010 o 77,2% dos alcaldes, o 85,5% dos secretarios e o 56,6% do resto de persoal dos concellos xa empregan certificados dixitais para exercitar as súas funcións. Ademais, no ano 2010 o 12,7% dos concellos empregaron mecanismos de certificado dixital para a identificación dos visitantes na web, o que supón un incremento de 11,3 puntos porcentuais dende o ano 2007.

Os certificados dixitais permiten a sinatura electrónica e constitúen un dos elementos chave da modernización da administración ao posibilitar a tramitación electrónica dos documentos aforrando custes e desprazamentos.

Un incremento ao que contribuíu o contrato no 2010 da Xunta coa Fábrica Nacional de Moneda e Timbre (FNMT) para facilitar a todos os organismos públicos galegos a obtención dos certificados necesarios para a implantación da administración electrónica.

Despegando na implantación dos servizos da e-admon local
Sen embargo, os concellos galegos experimentan baixos índices de desenvolvemento de módulos de tramitación electrónica. Os últimos resultados das enquisas do OSIMGA veñen a constatar que o 53,1% dos concellos dispón de plataformas de perfil do contratante, o 46,5% de plataformas de rexistro telemático e o 39,6% de módulos para implementar a sinatura electrónica.

A este respecto, pódese afirmar que as entidades locais se atopan nunha fase de desenvolvemento de servizos de administración electrónica á que están a contribuír de xeito importante as catro deputacións provinciais e a Xunta de Galicia, a través do Plan eConcellos, para facilitar aos municipios a dispoñibilidade dos servizos necesarios para avanzar cara a eadministración.

Por outra banda, experimentouse unha evolución positiva no relativo á interoperabilidade de servizos, 3 de cada 4 concellos galegos acceden aos sistemas de información doutras AAPP para realizar consultas. Neste ámbito, a Xunta de Galicia a través de Eidolocal está a traballar para proporcionar as infraestruturas necesarias ás administracións locais, e fomentar a comunicación telemática entre a Xunta e os concellos así como con outras administracións e organismos.

Importante incremento do software libre nos concellos galegos
O software libre constitúe unha oportunidade para compartir todos os recursos necesarios e para a reutilización eficiente do software e do coñecemento. A porcentaxe de concellos que dispón de software libre nalgún equipo informático (ordenadores de usuario ou servidores) sitúase no 73,5%.

Os municipios que experimentaron un maior crecemento no uso de software libre nalgún dos seus equipamentos informáticos obsérvase nos concellos de máis de 5.000 habitantes que pasaron dunha porcentaxe do 64,6% no ano 2008 ao 91,3% no ano 2010, o que representa un crecemento de 26,7 puntos porcentuais. Esta evolución positiva prodúcese fundamentalmente nos concellos de 5.000 a 20.000 habitantes cun aumento de 29,3 puntos porcentuais.

Os recursos económicos e a formación as principais barreiras
No tocante ás principais barreiras que argumentan os concellos galegos para a implementación da e-administración son a falta de recursos económicos seguido da falta de recursos humanos cualificados en TIC e a falta de coñecementos e formación do persoal interno.

Finalmente, destacar que a Xunta de Galicia está a potenciar a axeitada adecuación da administración electrónica nos concellos galegos a través da capacitación dixital da cidadanía, empresas e empregados públicos a través da Rede CeMIT e a EGAP e mediante o despregamento de redes de servizo de banda larga en zonas que carecían de cobertura grazas ao Plan Banda Larga de Galicia 2010 – 2013.

Impulso da e-administración internamente
Analizando os servizos de e-administración da administración autonómica, constátase un incremento notorio nos últimos anos nas consellerías que empregan módulos ou plataformas de tramitación electrónica coa correspondente mellora na eficiencia da administración interna.

No 2010, o 70% das consellerías xa empregaban módulos de tramitación electrónica para o acceso electrónico aos expedientes, a plataforma de sinatura electrónica e a factura electrónica.

Do mesmo xeito, son xa a metade das consellerías as que empregan módulos de rexistro telemático, de xestor documental, pago por medios electrónicos e comunicacións electrónicas internas.

Outro compoñente tecnolóxico é a aposta da Xunta polo software libre e de fontes abertas (FLOSS), tanto nos servidores como nos equipos de usuario e aplicacións. A enquisa mostra que a porcentaxe de equipos con FLOSS incrementouse significativamente respecto a anterior do 2009 (46% fronte ao 58%).

Aumento do catálogo de servizos dixitais orientados a cidadáns e empresas 
No tocante ao catálogo de servizos dixitais postos a disposición dos cidadáns e empresas a administración autonómica tamén experimentou unha evolución positiva. Dos 1.917 procedementos administrativos que presenta o portal corporativo a finais do ano 2010 xa podían iniciarse 102 de modo telemático.

A dispoñibilidade destes servizos en liña para a cidadanía reflíctese tamén no elevado número de accesos que experimenta o portal corporativo xunta.es, punto principal de interacción coa sociedade, que a finais do ano 2010 tiña rexistrados 11,6 millóns de accesos de máis de 350.000 usuarios distintos.

Garantindo a participación cidadá
Durante o 2010 deuse un importante impulso ao desenvolvemento dos mecanismos de participación cidadá mediante o uso das redes sociais máis populares. A este respecto cómpre destacar que a finais do ano 2010 o perfil da Xunta en Facebook contaba con máis de 1.300 seguidores.

Con todo, a recente aprobación do Decreto que regula a presenza da Administración en Internet ven a reforzar a aposta por un Goberno Aberto, garantindo a participación cidadá a través das redes sociais.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org