Modernización subvencionará con 1,2 millóns de euros a creación de contidos educativos dixitais e uns premios para profesores que desenvolvan novos materiais docentes

Mércores 06 de Abril de 2011

Modernización subvencionará con 1,2 millóns de euros a creación de contidos educativos dixitais e uns premios para profesores que desenvolvan novos materiais docentes

Esta nova liña de axudas enmárcase na estratexia do Proxecto Abalar para integrar as novas tecnoloxías na Educación

O DOG publica hoxe a resolución destas axudas

No marco do programa de Axudas para o desenvolvemento da sociedade da información, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destina este ano 1,2 millóns de euros a subvencionar a produción e publicación de materiais educativos por parte de empresas e á convocatoria dun premios para profesores que desenvolvan novos materiais docentes.

O obxectivo destas axudas, que se convocan por primeira vez, é potenciar nas empresas a produción e publicación de materiais educativos e de fomentar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación no ensino mediante o desenvolvemento de novos contidos educativos por parte do profesorado.

As presentes actuacións enmárcanse na estratexia do Proxecto ABALAR, que están a desenvolver a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Esta iniciativa, que xa chegou a 14.500 alumnos e 300 centros no presente curso, ten como obxectivo a integración das TIC na práctica educativa, transformando dos centros de ensino tradicionais en centros de ensino dixitais.

Contidos educativos
No caso das subvencións ás empresas, estas deberán presentar contidos educativos correspondentes a dúas materias dun curso académico completo, estruturados en  secuencias didácticas dixitais estruturadas cunha introdución, exploración, exercicios e avaliación accesibles polos usuarios por medios electrónicos e interactivos co usuario.

Ademais estes contidos deberán contemplar o desenvolvemento curricular de, cando menos, dúas materias completas dun curso académico. A selección destas materias corresponderá a algunha das seguintes modalidades:

Terceiro Ciclo de Primaria:

Modalidade 1: Coñecemento do Medio, Matemáticas e Educación Física.
Modalidade 2: Lingua galega e Literatura e Plástica.
Modalidade 3: Lingua galega e Literatura e Coñecemento do Medio

Primeiro Ciclo de Secundaria:

Modalidade 1: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia e Educación Plástica e Visual.
Modalidade 2: Ciencias da Natureza e Lingua Galega e Literatura.
Modalidade 3: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia e Lingua Galega e Literatura.

Premios
Os profesores galegos poderán optar este ano a uns premios sobre o desenvolvemento e novos contidos educativos con entidade dixital. Estes contidos, accesibles mediante medios electrónicos e interactivos, referiranse a algunha das seguintes modalidades:

Terceiro Ciclo Primaria:
- Modalidade 1: Coñecemento do Medio
- Modalidade 2: Lingua Galega e Literatura
- Modalidade 3: Matemáticas ou Educación Física
- Modalidade 4: Plástica.

Primeiro Ciclo de Secundaria:
- Modalidade 1: Ciencias Sociais
- Modalidade 2: Xeografía e Historia
- Modalidade 3: Ciencias da Natureza
- Modalidade 4: Educación Plástica e Visual
- Modalidade 5: Lingua Galega e Literatura
- Modalidade 6: Lingua Castelá e Literatura

Para cada unha das modalidades anteditas establécense un primeiro premio de 4.500 €, un segundo premio de 3.500 euros, un terceiro premio de 3.000 € e nove cuartos premios de 1.000 euros.